O alcalde pontevedrés, Fernández Lores, asegura que esta manifestación, contra a creación da delegación en Vigo, foi “a máis masiva da cidade”
“Resposta masiva, multitudinaria, superación de expectativas, auténtica morea de xente”. Os organizadores da manifestación que se celebrou onte na capital pontevedresa baixo o lema Pontevedra é capital. Anulación do decreto xa non ocultaban a súa satisfacción ao termo da marcha cuxa participación cifraron en “unhas 40.000 persoas”. A Policía Local sostivo que os asistentes cubriron unha superficie de case 13.600 metros cadrados.
Cando empezou a chegar o encabezamento de manifestación diante do novo edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, aínda continuaba saíndo xente do centro, comentaba o voceiro da federación veciñal Teucro, Miguel Vilacoba, que se encargou de facer de teloneiro do decano do colexio de avogados, Eloy Artime Arcot, quen leu o manifesto de protesta.
Ata ese momento, contabilizouse unha media hora de marcha polas principais rúas da cidade e tres pancartas para encabezar o acto, pois non en van foron vinte as asociacións convocantes. Entre elas, colectivos culturais, veciñais, de pais e nais, de empresarios, comerciantes e hostaleiros; sindicatos; partidos políticos; ata cinco alcaldías da bisbarra e na primeira pancarta, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Prudente ao principio, “ata ver resultados”, o rexedor nacionalista opinou ao finalizar que “esta foi unha manifestación masiva” ata o punto de definila como a “máis masiva das que houbo ata agora na cidade”.
Para o alcalde foi unha convocatoria “moi importante” non só pola “participación multitudinaria a nivel individual” dos pontevedreses, senón tamén de “todos os estamentos e colectivos que a secundaron”, exceptuando, “iso si, ao PP”. Por iso, dixo que supón unha “contundente resposta cidadá que ten que facer reflexionar aos dirixentes populares tanto locais como da Xunta”. “Teñen que recapacitar sobre esta espita que forxaron no sector servizos e na economía local”, dixo. Lores concluíu que o decreto que establece dúas delegacións para a provincia é “un agravio” para Pontevedra, “como hoxe se demostrou”, e asegurou que “seguiremos traballando” para reclamar unha solución.
Pola súa banda, Artime Arcot dixo que dito decreto “divide a provincia en dous”. “É un atentado para o seu rango administrativo que non se fai en ningunha outra provincia galega”, apuntou. Segundo o avogado, “así Pontevedra deixa de existir como entidade”. Engadiu que a mobilización “non está en contra de Vigo nin de achegar servizos aos vigueses”, e que a disposición vulnera “a Constitución Española e o Estatuto”. Finalmente culpou aos dirixentes do PP na Xunta.

