As estadías no estranxeiro para aprender idiomas son un dos clásicos do verán para moitos estudantes. Porén, nin as empresas que se encargan de xestionar estas actividades lograron escapar á crise. Cifran entre un 20 e un 40% o descenso no número de mozos que envían fóra, feito que atribúen á situación dos fogares galegos e á redución das axudas da Administración.
A Xunta de Galicia enviará un 10% menos de bolseiros que no 2008 a destinos como Canadá, Reino Unido, Irlanda ou Francia, namentras o Ministerio de Educación convocou case un 20% menos de axudas que hai dous anos para mestres e estudantes que queiran cursar linguas fóra. Segundo Elena Romero, propietaria da empresa de Vigo Over The Rainbow, a conxuntura económica estáse notando no sector. “Afecta aos pais, que son os que pagan. Aos máis novos estanos enviando menos semanas ou directamente non van. Ademais, hai menos bolsas e mesmo alumnos aos que llelas deron e que renunciaron a elas porque logo teñen que pagar os gastos”, di. “Por outra parte, subiron os voos e non se conceden créditos, porque moita xente viaxa así”, engade.
A propietaria desta axencia sinala que moitas familias optan por academias dentro do Estado e que os universitarios tratan de buscar colexios máis baratos e de organizar as viaxes pola súa conta, aproveitando aloxamentos de coñecidos.
Over The Rainbow xestiona este verán 300 estadías, un 40% menos que no 2008. Nesta empresa, a contracción notouse especialmente nos estudantes máis novos, que no caso de viaxar subvencionados teñen todos os gastos cubertos –hospedaxe, comida, actividades e curso–. Segundo Romero, adoitaban ser o 50% dos que escollían estes servizos, pero agora representan o 30%.
Ana Usieto, copropietaria de Feedback Galicia, cifra nun 20% a redución dos viaxeiros e puntualiza que “os que teñen bolsa miran moito os presupostos, xa non lles preocupan as prestacións, só o custo”. Tamén María Eugenia Alende, directora de Alphabets, explica que captaron un 30% menos de estudantes.
TIPO DE VIAXESTipo de viaxes
En xeral, unha viaxe destas características custa entre uns 850 e uns 1.500 euros para tres semanas, aínda que no caso dos alumnos máis novos, o orzamento pode acadar os 1.700, xa que contan con supervisión ou recollida no aeroporto.
Namentras Alemaña, Francia ou Italia seguen a ser destinos residuais, Dublín, Inglaterra e Londres mantéñense como os máis populares. Porén, os veteranos destas viaxes están comezando a explorar novas opcións, polo que Nova York, Malta ou Australia están en auxe.
María Fernández, de 21 anos, estudante de Dereito, viaxará a Liverpool este ano. Conta cunha beca de 1.700 euros do ministerio, aínda que coida que precisará máis cartos. Segundo di, unha das principais eivas do programa é que “tes unha semana para xestionar todo dende que sabes que che conceden a bolsa”. Pola contra Mónica Armesto, de 22, quedou sen axuda este ano. É o primeiro dende hai catro que non viaxa. “Creo que este ano primaron aos que nunca foron, e ademais xuntaron aos de bacharelato e universidade e reduciron as prazas”, lamenta.

