Directores e produtores rexeitan o “criterio mercantil” que ven na repartición de axudas da Orde Ministerial que desenvolve a Lei do Cinema e critican o prexuízo que consideran que provoca en pequenas producións de baixo presuposto, segundo afirmaron os participantes na segunda mesa do Foro Academia Aberta, da Academia Galega do Audiovisual.
O produtor José Nolla manifestou a súa “posición crítica” ante o “espírito que anima” a Lei do Cine na repartición de axudas estatais ás que unha produción pode acceder. “Hai un grupo de películas de baixo e medio presuposto que van ser difíciles de producir”, sinalou Nolla.
Na mesma liña, o director e guionista Alfonso Zarauza recordou que “as posibilidades de saír adiante para a maior parte dos directores é a través de pequenas e medianas producións”, que son “as que saen peor paradas desta lei”, que pese a todo tamén ten cousas boas, “como o incentivo ao traballo dos guionistas”.
Pola súa banda, o director Vicente Aranda asegurou estar “acostumado” a que isto aconteza. “Con estes bois temos que arar”, indicou, ao tempo que asegurou non coñecer ningunha lei que do cinema que funcionase ben. “Divulgouse a idea de que a cultura é cousa de foraxidos”, indicou Aranda.
Pola súa banda, o director e colaborador de Xornal de GaliciaAntón Reixa considerou que a Lei do Cine debería “acometer os problemas do audiovisual tamén dende o punto de vista do espectador” e da distribución das películas. “O problema actual é que é imposible cambiar as cousas e manter o statu quo”, indicou Reixa, quen asegurou que non se afrontará o problema ata que non “se pense nos espectadores”.