O debuxante catalán Bartolomé Seguí e o guionista madrileño Felipe Hernández Cava gañaron onte o Premio Nacional de Cómic polo seu álbum As serpres cegas, editado dende Galicia polo colectivo BD Banda. Con este galardón, Seguí e Cava xa poden dicir que levaron todos os premios importantes da historieta en España durante o ano 2009, xa que este traballo tamén foi merecedor do Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión e os premios do Saló del Còmic de Barcelona á Mellor Obra e ao Mellor Guión.
Hernández Cava, licenciado en Historia da Arte, escribiu neste libro a peripecia dun home que busca un tal Ben Koch, antigo combatente das Brigadas Internacionais, no Nova York da Gran Depresión, onde os grandes poderes se enfrontan na sombra. O guionista quixo “deixarlle ao lector a idea de que os totalitarismos, sexan do signo que sexan, son unhas máquinas terribles que no nome de utopía o que fan e triturar milleiros de inocentes”.
Pouco máis se pode falar da trama sen destripala, pero si dicir que é unha obra chea de detalles que non se perciben no primeiro momento, e que ben xustifican unha segunda lectura. Bartolomé Seguí, que enche os seus debuxos de detalles que non se perciben na primeira lectura, explica que esta non é unha obra sinxela, máis ben é “densa e destinada a un público adulto”.
Este cómic cheo de matices de gris naceu ao abeiro da revista galega BD Banda, editada polo colectivo do mesmo nome. Kiko da Silva, director do proxecto, lembra que cando estaban a buscar series para o número un recibiron as primeiras páxinas d'As Serpes cegas e viron “decontado que tiña moito potencial, pero superou as expectativas”. “Xa non sabemos que máis premios lles quedan por gañar”, bromea.
Ese potencial fixo que BD Banda escollese As serpes cegas para ser o seu primeiro álbum publicado en solitario e tamén o primeiro destinado ao público adulto –antes editábanos en colaboración con Faktoría K–. En marzo deste ano chegou ás librerías en formato bilingüe, tal e como se publicou orixinalmente na revista. E dende hai uns meses conta tamén cunha edición en francés, traducido por Dargaud –a editorial que se encarga de Asterix, entre outros–. É un dato que demostra, segundo o debuxante, que o mercado francés non é un couto tan privado, pero si moi esixente, porque o público acostuma a ler banda deseñada sen complexo de ningún tipo”.
APOIO Á INDUSTRIA GALEGA
Kiko da Silva asegura que o éxito d’As serpes cegas deulle a BD Banda “moita enerxía para seguir traballando, e amosa que é posible unha industria do cómic en Galicia”. O colectivo prepara agora o cuarto número da súa revista e unha serie de álbums sobre Vicente Risco.