A Consellería de Sanidade decidiu incluír na Comisión Galega de Bioética un crego, Jesús Martínez Carracedo, e un especialista en teoloxía, José Ramón Amor Pan, como membros do grupo de expertos alleos á profesión sanitaria, dentro do que tamén figura o avogado e secretario xeral desta Administración, Roberto Pérez López.
Este órgano, que preside a directora xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, María Nieves Domínguez, é un ente consultivo que ten como función asesorar a Consellería en materia de bioética, pero tamén realizar informes sobre esta cuestión e servir de referencia aos Comités de Ética Asistencial dos hospitais, que se encargan, por exemplo, de opinar en materia de coidados paliativos. Por este motivo, tanto oposición como sindicatos critican a decisión do Goberno autonómico.
“É un intentento por parte da Xunta de controlar o comité e de enfocar as súas decisións”, afirma María Xosé Abuín, secretaria xeral de CIG-Saúde. O sindicato manifestáralle a súa oposición por escrito á Administración, aínda que sin resposta. “Os comités científicos deben estar compostos por personal técnico”, explica a voceira da CIG. “Os coidados paliativos non se poden entender como unha incitación á eutanasia, senón que serven para aliviar a fase terminal da vida; a Administración debe proporcionarlle confort espiritual aos doentes, pero non mediante unha confesión relixiosa, senón con expertos”, engade Abuín, que tamén critica que se exclúan outros credos.
Na mesma liña, Lola González, responsable de Sanidade de CC OO, considera que “a relixión debe pertencer ao ámbito privado”. “O proceso de transición á morte é científico e non ten que ver coas crenzas; a Consellería está poñendo en nómina os curas”, di.
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ten aínda varias preguntas por responder no Parlamento, formuladas polo PSdeG, sobre este tema. “Isto significa confundir claramente as cuestións de ética coas de relixión”, sinala Modesto Pose, voceiro de sanidade dos socialistas. “Un sacerdote non ten cabida neste comité, nin en ningún outro porque hai expertos en bioética”, di.
Dende a creación no 2001 desta comisión é a primeira vez que se nomea a un representante da Igrexa católica, se ben a orde de creación deste órgano só determina que entre os membros alleos á profesión sanitaria debe figurar un avogado. Jesús Martínez Carracedo é director da Pastoral da Saúde de Galicia, capelán do Hospital Meixoeiro de Vigo, vicario na parroquia do Sagrado Corazón e profesor de Bioética no Seminario Diocesano.
Ademais, o cadro de persoal alleo ao Sergas, no que poderían figurar expertos en filosofía ou ética, segundo as recomendacións das asociacións de coidados paliativos, complétase con José Ramón Amor Pan, doutor en Teoloxía Moral pola Universidade Pontificia de Comillas e opinador de La Voz de Galicia.
