A Consellería de Sanidade detectou en Galicia entre os anos 2004 e 2009 un total de 1.025 diagnósticos de infección polo VIH e 485 casos de sida, o que supón un 111% mais de rexistros de infección que de enfermidade. Nese periodos, a incidencia de infección por VIH foi de 74 casos por ano e por millón de habitantes, o que sitúa á comunidade por debaixo da incidencia anual española.
A progresión anual de incidencia é bastante estable, aínda que rexistra un baixón significativo entre 2007 e 2008, pasando de 34,3 casos de Sida –por ano e por millón de habitantes–a 29,8. Estes foron os datos recollidos polo Sistema de Información Galego sobre a infección por VIH que presentou a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, con motivo do Día Mundial do Sida, que se celebra este martes 1 de decembro.
“Con este novo rexistro, Galicia súmase ao equipo de cabeza das outras oito comunidades que declaran actualmente en España casos de VIH”, proclamou Farjas antes de lembrar que, até o momento, os datos galegos existentes procedían unicamente do Rexistro Galego do Sida, o cal supuña un baleiro excesivo na toma de decisións de prevención.
Na distribución por provincias, Pontevedra presenta a maior incidencia de infección no período analizado, cunha media anual de 92 casos por millón de habitantes, seguida da Coruña, con 77, Ourense, con 66, e Lugo, con 27 casos por millón de habitantes.
Os datos mostran que no 68,3% dos casos, a infección produciuse por vía sexual, mentres que o compartir material de inxección entre drogodependentes supuxo unha cuarta parte. O 35% dos infectados presentan unha inmunosupresión moi alta porque o diagnóstico resultou tardío.
