“Éncheme de orgullo poder gañar un premio en Madrid cunha novela escrita en galego, ese idioma que algúns din que non serve para nada, competindo en igualdade de condicións con textos en castelán, catalán e éuscaro”, dixo o arousán Marcos Sánchez Calveiro, tras saber onte que a Organización Española para o Libro Infantil lle concedera o Premio Lazarillo pola súa novela O pintor do sombreiro de malvas.
O libro será publicado por Xerais na vindeira primavera, e terá tamén edicións en éuscaro – con Ibaizabal–, castelán –con Edelvives– e está a negociar unha tradución ao catalán. Conta os últimos meses de vida do pintor Vincent Van Gogh, ao que fai referencia o título, na vila francesa de Auvers-sur-Oise, onde en 69 días do ano 1880 pintou un total de 79 cadros.
“Levaba anos con esta historia anotada na carpeta das ideas, dende que vin no museo Thyssen unha exposición sobre a etapa de Van Gogh en Auvers”, lembra Calveiro, “pero non me puxen ao choio ata hai pouco, cando mo lembrou un artigo de Manolo Rivas que empezaba cunha frase do pintor”. Dende ese momento, comezou a construír o seu relato, baseándose nas Cartas a Theo, onde se recollen as misivas que Van Gogh lle escribira ao seu irmán e nos propios cadros pintados durante esa etapa.
E precisamente nun dos cadros do xenio dos Países Baixos foi onde Calveiro atopou a inspiración para o co-protagonista desta novela, o rapaz que aparece sobre estas liñas, que nesa pequena vila do rural francés comeza o seu proceso de aprendizaxe de madurez ao lado dun pintor que se afasta de todo o que está acostumado a ver. “A chegada de Van Gogh, coa súa personalidade tan extrema, a unha vila como Auvers, rompe todos os esquemas aos que están acostumados os seus habitantes, e iso é o que atrae ao rapaz”, di o autor.
Calveiro empregou os alicerces da realidade para armar esta novela. Personaxes como o doutor Paul Gachet, o que invitou a Van Gogh a Auvers, ou lugares como a pensión Ravoux, onde se hospedaba, aparecen documentados nas biografías do pintor. O final dos 69 días da novela remata tamén como na realidade, con Van Gogh disparándose un tiro no peito que o mataría. Pero o autor galego encheu os ocos con rostros e persoeiros que aparecen nos cadros do holandés, aos que baralla para que encaixen no seu propio relato. Iso si, as palabras e as reflexións que pon en boca de Vincent Van Gohg “están en boa parte extraídas das súas cartas, son cousas que el dixo”.
Unha destas frases é a que marca a aprendizaxe do protagonista, “as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas”, e ao fío dela o rapaz vai descubrindo “o primeiro amor, o primeiro bico, o primeiro desengano... todas esas cousas polas que todos pasamos algunha vez na mocidade”.
PROFETA NA SÚA TERRA
Este Premio Lazarillo súmase ao Barco de Vapor 2008 da Fundación SM, pola súa novela O canto dos Peixes, e ao Premio de Literatura Infantil Ala Delta coa súa obra O carteiro de Karrada, todos eles entregados por entidades de fóra de Galicia. Porén, a Calveiro non lle preocupa “iso de non ser profeta na súa terra”, e comenta que levar ou non un premio “non deixa de ser unha lotaría, porque ao mellor te presentas un ano que hai seis manuscritos boísimos e non levas nada, pero coa mesma obra terías gañado o ano anterior”. Lembrou, en todo caso, que levou o Barco de Vapor na categoría específica para novelas xuvenís en galego.
Nacido en Vilagarcía de Arousa en 1968, Marcos Sánchez Calveiro desenvolve o seu labor profesional como avogado en Vigo. En 2006 publicou a súa primeira novela xuvenil, Rinocerontes e quimeras, e en 2007, o seu primeiro título para adultos, Festina Lente, que tivo unha boa acollida entre o público e a crítica. Na actualidade, está a corrixir as últimas probas da que será a súa segunda novela para adultos, Settecento, que tamén será publicada por Edicións Xerais.

