“Non podemos acompañar ao Goberno, porque non sabemos onde vai”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba case seis horas antes da conclusión da IV Conferencia de Presidentes Autonómicos o que, despois de doce horas de xuntanza, sería o seu resultado final, isto é, o naufraxio do acordo entre o Goberno central e as comunidades gobernadas polo PP en materia de economía e emprego.
Despois de que, durante os últimos días, o xefe do Executivo galego lamentase a tardanza da convocatoria, por parte de José Luis Rodríguez Zapatero, do conclave autonómico para pór sobre a mesa medidas comúns contra a crise, os conservadores optaron pola abstención ante o proxecto presentado polo Goberno de España nun documento que, en palabras de Zapatero, chegou a incorporar “nove das dez” medidas propostas polas oito autonomías con presidentes populares.
Propostas coma a concreción, nun prazo de tres meses, de reformas na contratación laboral, ou a redución do déficit –do que Zapatero considera ás autonomías “corresponsables ao 50%”– a un 3% en 2013 naufragaron no medio dun intenso debate ao remate do cal o propio xefe do Executivo se mostrou inusitadamente duro contra os líderes autonómicos do PP.
“Hai unha serie de comunidades –di Zapatero– que dixeron que non se van mollar e lavan as man, ese é o seu problema”. A xuízo do titular do Goberno central, os populares optaron por non “corresponsabilizarse” cunha finalidade “moi clara”: “Non querían –afirma– que no tema de economía e emprego aparecesen as palabras ‘acordo unánime”.
A ausencia de “vontade política” é, para o presidente do Goberno, a clave da abstención dos populares nun acto “lamentable” que “non facilita a consolidación do modelo autonómico” e malia ao cal, di, o seu gabinete “fará seu” o documento económico finalmente fracasado de xeito “íntegro”, xa que “con máis ou menos axuda dos presidentes do PP –enfatiza Zapatero– imos volver crear emprego”.
Segundo a explicación do presidente, a “sensación” de boa parte do debate apuntaba á posibilidade de lograr un acordo “unánime” do que, di, os conservadores se desmarcaron “ao final” coas “excusas máis estrañas” como que, exemplifica,“o documento chegara tarde”.
feijóo ve “improvisación”
Precisamente a tardanza en recibir o documento coas propostas gobernamentais foi un dos principais argumentos esgrimidos por Alberto Núñez Feijóo para, despois da intervención de Zapatero ante os medios, sustentar a posición do PP.
En opinión do titular da Xunta, o Goberno central pediu “confianza cega” ante “documentos que descoñeciamos” e, “a estas alturas –di– non se nos pode pedir confianza cega para disolver a súa responsabilidade” ante a crise económica.
Dende o punto de vista do presidente galego, resulta “sorprendente que despois de tres anos agardando”, as propostas de Zapatero non chegasen “ata tres horas despois de comezar” a propia Conferencia, unha circunstancia que, di, suporía converter a súa aprobación na mesma “improvisación” que, ao seu xuízo, “levou a España a ser o país con máis desemprego da Unión Europea” no marco da actual recesión.
Nunha intervención en clave marcadamente estatal, Feijóo laiouse de que o Goberno ocultase “premeditadamente” as súas propostas nun contexto no que “por respecto aos catro millóns de parados”, di,” non se pode dicir que si a un documento que se entrega poucos minutos antes da súa votación”.
Ao tempo, Feijóo asegura que as comunidades gobernadas polo PP apostaron pola abstención e non polo voto en contra apoiándose na súa “vontade” de remitir os documentos debatidos onte ás “conferencias sectoriais –grupos de traballo especializados e derivados da propia Conferencia–, o lugar responsable para analizar estes documentos de extraordinario calado”.
A intervención de Feijóo ao termo do conclave autonómico seguía a liña trazada polo propio titular da Xunta poucas horas antes cando, nunha comparecencia conxunta co presidente rioxano, Pedro Sanz, exerceu como voceiro das autonomías do PP ante os medios. Nesa mesma comparecencia, Feijóo lamentaba que o Goberno “plantexe máis un plan de imaxe que un plan económico para España.
O mesmo carácter crítico foi a guía do discurso de Feijóo no interior da propia Conferencia, único momento no que, segundo fontes da xuntanza, estiveron sobre a mesa asuntos directamente vencellados a Galicia. Neste sentido, o presidente recuperou boa parte das críticas lanzadas dende San Caetano cara á Moncloa nos pasados meses, especialmente centradas no proceso de negociación do financiamento autonómico, un acordo económico que, segundo Feijóo, supuxo a “ruptura” do consenso entre autonomías, ademais de engadir “dificultades” ao sustento dos servizos públicos de competencia autonómica.
Do mesmo xeito, o líder galego aproveitou a súa intervención para reclamar o apoio do Estado ao sector primario de Galicia e, moi especialmente, para a produción leiteira, un eido da economía agraria para que, afirma, cómpre “priorizar” dende Madrid, a imaxe das medidas tomadas no pasado en sectores coma o aceite ou os cítricos.
Tamén tiveron cabida no discurso de Feijóo as reivindicacións galegas de cara á presidencia española da Unión Europea consensuadas por PP, PSOE e BNG no Parlamento de Galicia e que, esencialmente, pasan polo retorno da construción naval civil aos asteleiros da ría de Ferrol e pola posta en marcha dun período "transitorio" que evite a desaparición drástica en 2013 dos Fondos de Cohesión procedentes da UE.
Como ben indica o título desta noticia ( Feijóo, ariete do PP contra Zapatero en Madrid), podemos afirmar que en Galiza carecemos de máximo representante que defenda os nosos intereses. A razón que lle poida asistir a Feijóo nas súas críticas a Zapatero, pérdea o facer de portavoz de Rajoy, e utilizar a conferencia de Presidentes para facer oposición a nivel Estatal, cada cousa é para o que é. Non se pode ter unha postura unánime ( de todas as comunidade gobernadas polo PP) xa que, cada unha ten as súas singularidades, e as solucións tamén deben ser diferentes. Moito mellor nos iria aos Galegos, se Feijóo esquezera de momento as súas ambicións a nivel Estatal, e se centrara na Presidencia de Galiza. E tamén se deixara de expoliar os cartos de todos nós “regalandóllos” a empresas de fora ( por motivos de dificil explicación ), e os empregara en contratar empresas Galegas, mellor que mellor..

