A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) decidiu ampliar este ano os seus galardóns para recoñecer a labor de persoas e colectivos a prol –Premios Osíxeno–, ou en contra –Premio Dioxina– do medio natural. Así, establece como novidade o Osíxeno de Honra para o histórico galeguista Isaac Díaz Pardo. Deste xeito, a agrupación premia a traxectoria vital e o compromiso co país e coa cultura galega do que foi o fundador do Laboratorio de Formas dende o que se creou o complexo industrial de Sargadelos. Tamén salientan o papel de Isaac Díaz Pardo na conservación do legado xeolóxico de Isidro Parga Pondal.
Xa nas categorías habituais, os galardoados son a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, pola súa “teimuda loita en defensa da ría e contra a aberración que supoñen os depósitos de hidrocarburos do Ferrazo”; e o ex alcalde da Veiga, o socialista Fernando Fernández Yáñez, quen foi recentemente obxecto dunha moción de censura por ser un “ecoloxista radical” e apostar polo “desenvolvemento sostible do seu pobo”.
A novena edición destas condecoracións foi presentada onte en Santiago pola presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, e o secretario executivo deste colectivo, Fins Eirexas, quen criticou a actitude dos “autoproclamados líderes mundiais” aos que responsabiliza do “fracaso” do recente Cumio de Copenhague contra o cambio climático. Por iso, o premio Dioxina de 2009 vai para eles pola “súa falta de visión, arrogancia e irresponsabilidade”.
DIOXINA PARA PESCANOVA
A crítica tamén se estende, co mesmo galardón, ao presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, e á conselleira do Mar, Rosa Quintana. O líder empresarial e a política recibirán ex aequo o premio por ser “as dúas caras dunha mesma insostible moeda” ao levar adiante o proxecto de “destrución” de cabo Touriñán coa instalación dunha piscifactoría en Rede Natura.
Adega considera que “a prepotencia, a soberbia e a cobiza polo noso patrimonio natural” e o “desprezo pola lei” fan a Fernández e Quintana “máis que merecedores deste recoñecemento”. Entre os nomeados ao premio Dioxina 2009 tamén estaba a ministra de Medio Ambiente, a galega Elena Espinosa, pola autorización das concesións hidroeléctricas no Sil á empresa Iberdrola.
Os premios Osíxeno e Dioxina entregaranse nun xantar o próximo día 9 de xaneiro en Santiago de Compostela. Fins Eirexas xa adiantou onte que o menú estará composto por produtos da terra, aínda que ironizou coa posibilidade de que o presidente de Pescanova e a conselleira do Mar, de acudir ao evento, teñan que comer “rodaballo con antibióticos”.
