Santiago.- A exposición itinerante "Editorial Galaxia 1950-2000. Palabras para un país", que percorre Galicia con motivo dos 50 anos cumpridos pola Editorial Galaxia, chegará ó Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela o próximo venres día 5 de xaneiro. A mostra, que será inaugurada oficialmente o luns día 9, permanecerá aberta ó público compostelán ata o 28 de xaneiro deste ano.
Segundo Editorial Galaxia, na exposición poderanse ver "todo tipo" de documentos relacionados co pasado e presente da editorial, que permiten tamén "botar unha ollada á evolución da cultura e da sociedade galega ó longo de cincuenta anos". Na mostra aparecen tanto fotografías históricas e actuais como cartas, informes de censura e carteis ou portadas de
libros que "recrean visualmente" toda unha época.
Segundo a editorial, os textos que figuran nos diferentes paneis constrúen, xunto cos obxectos expostos, unha panorámica "interesante e inédita" da historia galega. A exposición "Editorial Galaxia 1950-2000. Palabras para un país" pasou xa por Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo e estará na cidade da Coruña ó longo do mes de febreiro. Tamén chegará, nos meses seguintes, a Ferrol, Madrid e Barcelona.