Santiago.- A Editorial Galaxia aposta polo rigor documental e a análise sobre a figura de Castelao e as formacións galeguistas do século XX en tres novos
libros de ensaio. "Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego" e "Castelao e os galeguistas do interior" profundizan no carácter cultural e político do escritor, mentres que "O vento do espíritu. De Vicente Risco a Ramón Piñeiro" amosa unha interpretación unitaria da tradición galeguista.
"Os
libros someten a revisión asuntos sobre os que se falou durante anos con gran descoñecemento", segundo explicou hoxe en Santiago o director de Galaxia, Carlos Casares, durante a presentación das obras. Casares, que asegurou que despois destas publicacións "non se poden seguir dicindo tonterías", indicou que os
libros enfocan problemas relacionados coa cultura e a política de Galicia con "rigor e independencia".
Henrique Monteagudo, autor de "Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego", afirmou que aínda que a cultura do ensaio está moi "abandonada" en Galicia as obras teñen como obxectivo abrir un ámbito "para a discusión" e fomentar un tipo de lector atento a este xénero. Ademais, Monteagudo recordou que o Goberno galego está obrigado a conmemorar datas tan significativas coma o 50 aniversario da morte de Castelao, que tivo lugar o pasado ano, xa que esta figura é fundamental por se-lo "pai da autonomía galega".