O Correo síntese respaldado polos líderes da sociedade civil de Galicia

"Quédanlle ó primeiro xornal en galego da nosa historia moitas etapas que cubrir ata completar o longo camiño que lle corresponde a toda obra importante''. Así resumeu o director de O Correo Galego, Xosé Manuel Rey Nóvoa, o espírito de continuidade do único diario escrito integramente na nosa lingua. O Correo síntese respaldado polos líderes da sociedade civil de Galicia.
Xornal.com - clásica Actualizado 04/01/2002 - 11:30 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL/A Coruña.- Rey Nóvoa falou do futuro nun acto que facía balance de oito anos de xornalismo en galego, a presentación do especial 88 galeg@s que se publicará este domingo, con motivo do oitavo aniversario do xornal, informa El Correo Gallego. No acto, ó que estaban convidados os 88 galegos que no suplemento constrúen un mosaico da Galicia do século XXI, subliñouse a importancia de O Correo para a normalización da lingua.

Con agradecemento polo labor de normalización da lingua galega e recoñecemento ó esforzo empresarial para sacar adiante unha iniciativa arriscada expresáronse os cinco oradores no acto. O presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, o conselleiro de Educación, Celso Currás e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo coincidiron en destaca-la importancia da prensa para a boa saúde da lingua galega. Falaron tamén o director de O Correo Galego, Xosé Manuel Rey Nóvoa, e o subdirector, Caetano Díaz.

O conselleiro de Educación e responsable da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta incidiu tamén nesta cuestión. "Fago un chamamento ós responsables dos mass media aquí presentes para conseguir unha maior normalización'', asegurou.

CARLOS CASARES APOSTA POLO CORREO

Unha sociedade galega que segundo expresou o director do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, debe demandar que lle conten o que acontece no mundo na súa lingua. "O Correo debe ser un proxecto sólido'', indicou, "e o seu futuro non pode depender da vontade dun emprasario senón da vontade de tódolos galegos''. Casares, que escribe no xornal La Voz de Galicia, valorou que o diario compostelán cumprise os oito anos "nun país no que estes soños rematan pronto''.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro tivo unhas palabras de agradecemento para tódolos traballadores que facían posible O Correo. Barreiro aplaudiu a iniciativa da Editorial Compostela e avogou por "rachar coa esquizofrenia que se vive neste país no que se fala en galego tódolos días pero se le o xornal en castelán'' e aproveitou a ocasión para demandar unha maior presencia da lingua galega nos xornais editados en español.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou a importancia do mantemento da culturas e das linguas das rexións dentro do novo contexto europeo."O día que perdamos o galego perdemos un elemento de distinción e de identidade e por iso o esforzo realizado polo Correo me parece fundamental'', sentenciou Sánchez Bugallo.

Citando a Álvaro Cunqueiro, rematou o subdirector de O Correo, Caetano Díaz, a súa intervención. "Non sei se chegaremos ás 1000 primaveras que dicía Cunqueiro, pero e certo é que tras oito anos esta primavera chegaremos ó número tres mil''. Díaz subliñou o esforzo realizado para a creación do suplemento que se distribuirá co xornal o vindeiro domingo e no que 88 homes e mulleres debullan coas súas opinións un esbozo da Galicia do futuro e analizan os cambios da sociedade tras vinte anos de autonomía.

O director do Correo, Rey Nóvoa, subliñou a vontade do xornal de non ser un diario de lectura única senón un complemento doutras publicacións que pon especial énfase nas páxinas de cultura e nos suplementos e que se singulariza e engrandece por estar escrito, e moi ben escrito —puntualizou— no noso idioma. Tras agradecerlle o esforzo realizado ó editor Feliciano Barrera, citou as palabras do galeguista Ramón Piñeiro ó ter nas súas mans o primeiro exemplar traducido ó galego de El Correo: "Sentín unha emoción profunda, a emoción de ver que un soño longamente acariñado de súpeto se convertera en realidade''.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad