O obxectivo da iniciativa, pioneira en España, e a de habilitar un espazo axeitado para a xestión dos refugallos denominados de liña branca (neveiras, lavadoras, fornos ou secadoras, entre outros), así como de mobles e colchóns. Ademais, admitiranse na planta residuos electrónicos, como televisores, vídeos ou ordenadores, para a súa clasificación e posterior envío ao xestor autorizado. A planta componse dunha nave e dun edificio de oficinas que acollerá tamén unha área de exposicións.
Unha vez que os refugallos chegan ás instalacións, pésanse, clasifícanse e pasan á liña de tratamento correspondente. Os materiais recuperados (vidro, formigón, plásticos ou aluminio, entre outros) se almacenarán e enviarán ao xestor autorizado. A empresa Ferroser terá a concesión da explotación da nova planta por un prazo de 20 anos.
O conselleiro manifestou o seu interese por coñecer a evolución das obras dunha instalación que marca un avance fundamental na xestión dos residuos urbanos. Segundo Xosé Manuel Barreiro, a eliminación dos vertedoiros debe ir parella á habilitación de espazos axeitados para o tratamento dos diferentes refugallos. Ata o de agora, a recollida dos residuos voluminosos supuña unha seria problemática para cidadáns e concellos que daba lugar, en moitas ocasións, á aparición de puntos de vertido incontrolados. Os puntos limpos representan unha saída para este primeiro paso: a recollida. A futura planta de Cerceda é a solución final que permite pechar o proceso e favorecer a recuperación dos materiais.
A obra enmárcase no principal obxectivo que ten a
Consellería de Medio Ambiente en materia de residuos: potenciar a recollida selectiva e a reciclaxe. Neste sentido, o conselleiro apelou á colaboración de todos os galegos a prol dun medio ambiente limpo e un maior benestar de todos.