XORNAL I Santiago .- O punto de partida desta longa historia de Luar tivo como protagonistas ao creador do programa, Manolo Abad, e ao presentador Xosé Ramón Gayoso, que desde o principio codirixiron o musical para realizar un espectáculo de entretemento que potenciara a música e valores da cultura galega e que ao propio tempo contara coa presenza de artistas e intérpretes de España e de calquera parte do mundo. O escenario de Luar contribuiu a crear unha miscelanea case perfecta onde ao final todos xuntos entonaban unha estrofa dun cantar popular galego.
Este foi o principio e tamén a evolución dun programa que sempre estivo a sorprender ao público galego, a través da introducción de distintos elementos artísticos que enriqueceron a idea de espectáculo, como a presentación de distintos personaxes cómicos, escenas humorísticas, concursos de distinta índole, seccións ligadas a outras artes, como cine, teatro, historia, etnografía, etc.., e tamén algunhas edicións especiais en que o programa demostrou a súa solidariedade con eventos sociais.
Nos programas deste venres e do próximo, Luar recibirá o tributo que artistas foráneos lle renden á música galega interpretando temas tradicionais galegos, como son Paloma San Basilio, Sergio Dalma, Marta Sánchez, Elena Bianco, Regina Dos Santos, Vaya por Dios; mentres que o 4 de marzo actuarán José
Manuel Soto, Al Bano, Manolo Escobar, Angela Carrasco Azúcar Moreno, Golden Apple Quartet, María del Monte e Verónica, entre outros. Xunto eles tamén actuarán prestixiosos grupos e formacións galegas, como Xacarandaina, Real Coro Toxos e Froles, Coro Cantigas da Terra, Os Satélites e Real Banda de Gaitas de Ourense, entre outras.
A celebración da emisión 500 non quedaría completa sen a presenza dos presentadores e colaboradores que pasaron pola longa traxectoria de Luar, e a través da cal tamén medraron as súas carreiras artísticas. Así, estarán Mercedes Peón, Paula Vázquez, Luis Tosar, Nieves Rodríguez actual presentadora xunto a Xosé Ramón Gayoso -, Diana Nogueira, Luis Zahera, Mela Casal, Uxía Blanco, Sonia López e Yamilé, entre outros moitos. Ben dun xeito presenzal ou ben a través de mensaxes, todos eles estarán coa familia do Luar.
Vídeos recordatorios da maior parte de artistas galegos e internacionais que pasaron por Luar ao longo destes anos; homenaxes ao teatro e á comedia musical; momentos anecdóticos irrepetibles e imposibles de esquecer, así como os gañadores dos distintos concursos que creou o programa, como Vai de baile, Ring de rir, concurso de presentadores e modelos, tamén formarán parte da celebración.