XORNAL I Santiago.- Este comité mantén reunións diarias e un contacto permanente para avaliar en todo momento con información en tempo real a situación no que respecta aos produtos de primeira necesidade que precisan os centros dependentes da Vicepresidencia para atender en condicións óptimas de calidade os seus servizos aos maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade que empregan esta rede de centros.
Os delegados provinciais da Vicepresidencia manteñen dentro deste comité o contacto mais próximo cos responsables destes centros en cada unha das provincias, coordinados polo director xeral de Acción Social, Bieito Seara. Ademais no comité están integrados o vicepresidente da
Xunta,
Anxo Quintana; o secretario xeral da Vicepresidencia,
Antón Losada; a secretaria xeral da Igualdade,
Carme Adán; e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, que contan con información en tempo real da situación da folga e avalían a diario as posibles incidencias que este paro poida provocar no funcionamento ordinario dos centros.
O comité de seguimento da folga constituído na Vicepresidencia ten previsto manter o vindeiro mércores 19 de outubro, ás 17 horas, un encontro en San Caetano, no que participarán os catro delegados provinciais, para dar conta do desenvolvemento das súas actividades e avaliar a situación. Neste encontro estará presente a delegada en Lugo, Branca Rodríguez Pazos; o de Ourense, Francisco Ferreiro Abelleira; a delegada da Vicepresidencia na Coruña, Tereixa Novo, e o delegado en Pontevedra, Francisco Verea.
Galicia comeza esta semana co oitavo día de folga no transporte de mercadorías, un paro que dende hoxe amplíase a todo o Estado e que podería provocar, en caso de non atopar solución nas vindeiras horas, problemas de desabastecemento nos mercados. A Vicepresidencia da
Xunta está por iso extremando as medidas de seguimento para garantir que nos seus centros dependentes a incidencia da folga do transporte sexa a mínima, e que as necesidades das persoas usuarias destes centros estean perfectamente cubertas con servicios axeitados e de calidade.