XORNAL I Santiago.- A campaña posta en marcha pola Vicepresidencia da
Xunta de Galicia recorda que a violencia de xénero provocou no ano 2004 un total de 72 mortes, e que no que vai de 2005 esta cifra se eleva xa a 50 persoas. A inserción publicitaria remata coa mensaxe "¿E ti que pensas facer para parar esto? E inclúe o número do Teléfono da Muller, o 900 400 273, no que se atenden este tipo de casos para dar asesoramento ás víctimas.
Esta campaña pretende durante todo o mes de novembro concienciar aos internautas da magnitude do problema da violencia de xénero, de cara á celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Os medios de comunicación, e concretamente os seus servizos en Internet, serán unha das vías de publicidade de concienciación contra o terrorismo de xénero que levará a cabo a Secretaría Xeral de Igualdade.
Ademais os banners inseridos pola Secretaría Xeral de Igualdade teñen un enlace directo á páxina web do Servizo Galego de Igualdade (SGI), onde aparecen detallados os programas actualmente dispoñibles para a atención e asistencia psicolóxica e xurídica para as mulleres víctimas da violencia de xénero, outro programa de atención psicolóxica para homes con problemas de control e violencia no ámbito familiar e unha guía contra os malos tratos á muller.
A web institucional do SGI contempla ademais enlaces cos distintos servizos que a
Xunta de Galicia ten actualmente en marcha para loitar contra esta problemática, coma o centro de atención 24 horas ás mulleres víctimas de violencia de xénero.