A empresa viguesa GOC, Premio Galicia á Innovación Empresarial

A empresa, fundada hai máis de 20 anos, é unha consultora técnica de capital 100% galego que presta os seus servizos no mercado da construción, principalmente nos sectores de obra civil, edificación e medio ambente.

Dende a súa creación, GOC apostou pola Innovación como un elemento diferenciador e de permanencia no mercado. A súa inversión en I+D+i é dun 2%, superior á media do sector da construción situado nun 0,36%.

O xurado decidiu facer mención especial ás outras dúas finalistas do certame: a coruñesa Twelcon Electrónica e a pontevedresa Técnicas Electrónicas Aplicadas Xulio, polo esforzo en aras á creatividade e á innovación dos seus produtos.
Xornal.com - clásica 11/11/2005 - 11:33 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 1 voto/s
XORNAL I Vigo .- A súa traxectoria innovadora, que lle permitiu pasar de ser unha PEME a ser unha gran empresa, baseándose no desenvolvemento de proxectos de I+D, a colaboración con outras entidades e o rexistro dos seus resultados foron os principais argumentos esgrimidos polo xurado do Premio Galicia á Innovación Empresarial para conceder este galardón á empresa G.O.C. A compañía naceu en Galiza hai máis de 20 anos e presta os seus servizos no mercado da construción. Na actualidade, está implantada na maioría das comunidades autónomas do Estado e no norte de Portugal.

Así mesmo, o xurado do certame decidiu conceder unha mención especial ás outras dúas empresas finalistas do certame: a coruñesa Twelcon Electrónica, polo esforzo feito en aras á innovación de produto e á captación de novos mercados; e á pontevedresa Técnicas Electrónicas Aplicadas Xulio, polo esforzo creativo e a xeración de produtos que lograron chegar ao mercado.

O Premio Galicia á Innovación Empresarial está dirixido ao ámbito das PEMES e promovido no marco do Plan Galego de I+D+i (PGIDIT). A iniciativa acada este ano a súa séptima edición cunha dotación de 50 mil euros, achegados conxuntamente pola Consellería de Innovación e Industria, que pon 32 mil euros, e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que colabora con 18 mil euros. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro día 16 de novembro ás sete da tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Quintana.

No acto entregaranse tamén o Premio José Varela Montes de Investigación Sanitaria a Felipe Casanueva Freijo, doutor en Mediciña e en Bioloxía e director da Unidade Asistencial de Trastornos Alimentarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que conta cunha avalada traxectoria no campo da investigación en Endocrinoloxía, e o Premio para Investigadores Mozos (Área Sanitaria) a José Antonio Castro Hermida, doutor en Farmacia que está a centrar os seus estudos no campo da Parasitoloxía, concretamente nunha enfermedade parasitaria chamada “Cryptosporidiose”.

UNHA APOSTA CLARA E DECIDIDA POLA I+D+i PARA SER COMPETITIVOS.- Dende a súa fundación, GOC apostou pola innovación como elemento diferenciador e de permanencia no mercado. Para acadar este obxectivo, a compañía viguesa inviste en I+D+i un 2% dos seus orzamentos, co que supera a inversión media do sector da construción que se atopa na actualidade nun 0,36%. Este esforzo inversor permitiulles finalizar 16 proxectos con resultados satisfactorios; obter 11 acreditacións e certificacións de empresa; tér en proceso de rexistro dúas patentes; rexistrar no Servizo de Protección Intelectual unha publicación e incorporar á súa carteira de produtos cinco novos servizos –2 tipos de Inspección Termográfica, 1 Liña de Consultoría Medioambiental Especializada, Inspeccións Acústicas, Restauración de Cascos Históricos e Protección do Patrimonio-.

Así mesmo, os proxectos de innovación de procesos internos posibilitaron que, en catro anos, a empresa duplicara o seu tamaño tanto en facturación como en plantilla, e se consolidara no Estado. Esta decidida aposta pola I+D+i tamén lle reportou beneficios a G.O.C., non só económicamente –aumentando a cifra de ventas en base a novos servizos-, senón tamén internamente –dedicando esforzos á organización-. En cifras, un 4,58% dos ingresos da empresa proveñen de actividades relacionadas coa I+D+i –este ano xa conseguiron que os ingresos derivados da Innovación superen á inversión feita-.

Un dos proxectos estrela postos en marcha por G.O.G. é o de “Estudo da aplicación da termografía infravermella como nova técnica na detección de riscos de desprendimentos en fachadas de edificios”. Trátase dunha técnica que tén a súa orixe no campo militar e que está amplamente difundida en diversos sectores da industria, como son o mantemento e a verificación de instalacións eléctricas, a aeronáutica, a mediciña e a vixiancia, entre outros. Non entanto, a súa aplicación no eido da construción é algo novidoso. Outro proxecto importante da compañía é a “Análise e seguimento do estado de conservación de edificios en cascos históricos” que, coa adquisición dun equipo portátil de termografía infravermella, permitiu á empresa desenvolver unha ferramenta informática que permite o seguimento do estado de conservación dos edificios, permitindo analizar a súa evolución e aportando datos que permiten a toma de decisións respecto á seguridade dos inmobles.

Outro estudo levado a cabo pola empresa centrouse nas unións con novos materiais na rehabilitación de edificios de pedra, unha iniciativa que lles permitiu preparar unha guía de utilización das anclaxes en pedra na que se recollen as principais recomendacións de actuación, consellos para a mellora das filtracións e adherencias sobre as situacións que poden presentar riscos para a seguridade do edificio. Os resultados obtidos nos ensaios deste proxecto permitiron a preparación dunha patente centrada na mellora das condicións de unión de elementos metálicos con pedra natural.

O compromiso de G.O.C. co desenvolvemento técnico do noso país ponse de manifesto no obxecto das súas patentes que garanten non só a conservación do patrimonio histórico –no proxecto de “Sistema de anclaxes sobre pedra de edificios e construcións”-, senón tamén coa conservación medioambiental –“Sistema de Gavións”, nova alternativa para o uso de residuos da construción e demolición que, usado en noiros, reduce o impacto paisaxístico das obras de infraestructura.

TWELCON E A ENVOLVENTE ESTÉTICA PARA OS CENTROS DE TRANSFORMACIÓN.- Twelcon Electrónica, mención especial do xurado nesta oitava edición dos Premios Galicia á Innovación Empresarial, é unha empresa creada no ano 1987, ubicada na cidade da Coruña e especializada no deseño e desenvolvemento de solucións a medida para os sectores de enerxía eléctrica, telecomunicacións e enerxía. A compañía levou adiante un proxecto innovador que consiste no deseño e desenvolvemento dun centro especial de transformación urbano (CeTur). A novidade da iniciativa está en dotar aos centros de transformación dunha envolvente estética que repercutirá positivamente na integración do centro no entorno e na amortización do custo da instalación ao incorporar publicidade. Máis de cen compañías de todo o mundo, dende Paquistán até Canadá, xa amosaron o seu interese por adquirir o produto.

Técnicas Electrónicas Aplicadas Xulio (TEAXUL), tamén mención especial nestes Premios Galicia á Innovación Empresarial, fundouse no ano 1983 e tén a súa sé en Vigo. A compañía adica a súa actividade ao deseño e desenvolvemento de novas aplicacións cunha gran ajplicación práctica en todos os sectores. Un dos seus proxectos máis recentes desenvolvidos por Teaxul é un “Sistema intelixente para a manipulación da anchoa e o verdel”, unha iniciativa que garante a competitividade das empresas do sector adicado a estas especies ao automatizar un proceso que ata entón se facía dun xeito manual, garantindo a calidade e a conservación óptima dos produtos. Outro proxecto de TEAXUL é un sistema de xestión integral para a recollida de lixo nas zonas urbanas, un sistema intelixente de recollida de lixo que permite recoñecer e cobrar a cada usuario o consumo realizado aplicando para isto sistemas innovadores e tecnoloxías avanzadas.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad