A conselleira de Educación cítase con asociación de pais de alumnos
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, abordou as principais inquedanzas dos pais en cadansúa xuntanza coa Confederación Galega de Apas de Centros Públicos (CONFAPA) e coa Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA). Por parte da CONFAPA, Olga Patiño salientou que abordaran o servizos complementarios e o financiamento das asociacións de pais. Dende a CONGAPA, Constantino Iglesias pediu a creación dunha mesa de traballo do ensino concertado.
Xornal.com - clásica
Actualizado 16/11/2005 - 13:57 h.
XORNAL I Santiago .- Tralo encontro coa CONFAPA, a presidenta desta entidade, Olga Patiño, salientou que trataron distintas cuestións relativas a servizos complementarios e ao financiamento das asociacións de pais. En relación co primeiro dos asuntos, a presidenta de CONFAPA subliñou que na actualidade existen comedores escolares xestionados polos pais, unha realidade que non se daba hai anos. Neste sentido, destacou a necesidade de "crear un marco lexislativo que o recoñeza e que os integren no proxecto educativo dos centros".
No que atinxe ao transporte escolar, Olga Patiño amosou o interese da CONFAPA de traballar neste servizo educativo, xa que "a dispersión dos núcleos de poboación fai que sexa un tema prioritario, económico e social". "Dar educación para todos dixo- implica transportar aos nenos pero facelo dunha forma coherente". Ademais, a presidenta da CONFAPA salientou a necesidade de estudar a compatibilidade para que alumnos da ensinanza obrigatoria poidan compartir o transporte escolar con outros da posobrigatoria.
Finalmente, a necesidade de incrementar o financiamento das asociacións de pais foi outra das cuestións abordadas na xuntanza. Segundo explicou Olga Patiño, a lei que se está debatendo no Congreso dos Deputados implica unha maior participación das familias no proceso educativo, polo que "necesitamos ter a capacidade de organizar escolas de pais" e poder tomar parte na educación dos menores tanto no centro como no resto dos ámbitos.
MESA DE TRABALLO.- Trala xuntanza celebrada coa CONGAPA, o presidente desta entidade, Constantino Iglesias, salientou que lle pediran á conselleira de Educación a creación dunha mesa de traballo do ensino concertado, na que estarían representadas as institucións, os pais e a Administración. O presidente da CONGAPA salientou que tamén abordaran outros asuntos relativos aos centros que escolarizan de xeito separado a nenos e nenas, que poden ser o 1%, e ás baixas taxas de matriculación de alumando inmigrante tamén en centros concertados, que veñen xustificadas, segundo apuntou, porque o ensino concertado ten escolarizado o 30% do alumnado total e polo tanto, o número destes alumnos é menor, e porque os pais non solicitan praza nestes centros, xa que non dispoñen de axudas tal e como sucede no ensino público.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.