Xornal.com - clásica
Actualizado 13/12/2005 - 12:01 h.
XORNAL I A Coruña.- Desenvolver un produto sanitario de moi alto valor engadido e cunha tecnoloxía 100% nacional. Esta é a principal cualidade innovadora do proxecto de investigación que está a levar adiante a empresa coruñesa Keramat, unha iniciativa que demostrará, segundo o investigador principal do estudo, Miguel Ángel Souto, "que en Galicia é posible desenvolver materiais que tradicionalmente se importan a un custo elevadísimo".
O proxecto consiste en desenvolver unha pasta biocerámica inxectable para correxir os defectos óseos. Esta pasta é o resultado da combinación dun pó fino de beta fosfato tricálcico, de tamaño nanométrico, con diversos axentes humectantes. A característica principal desta pasta é que se convirte nun material fácilmente inxectable a través de calquera agulla hipodérmica presente no mercado. Ao aplicar o produto na zona do defecto óseo a tratar, o material será reabsorbido e substituído polo oso neorormado do propio pacente. Ademais, ao ser unha pasta de alta viscosidade fará que non existan riscos de movilidade por efecto do torrente sanguíneo.
A investigación xa está en marcha e, na mesma, colabora tamén o Instituto de Cerámica de Galicia. Dende Keramat confían en comezar coa comercialización do produto no ano 2006, pero revelan contactos con importantes compañías a nivel nacional e internacional que xa lles amosaron o seu interese na comercialización da pasta. A iniciativa conta co apoio do Plan Galego de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, a través do Programa de Tecnoloxías dos Materiais.
UNHA APLICACIÓN DIRECTA SOBRE O DEFECTO ÓSEO A TRATAR NO PACENTE.- O feito de que a pasta biocerámica poida cargarse nunha xeringa permite a súa aplicación directa sobre o defecto óseo a tratar no pacente e a súa adaptación inmediata á forma deste defecto. A composición da pasta garante unha excelente actividade sobre o oso a tratar xa que, co paso do tempo, o implante irá desaparecendo para ser substituído polo oso do propio pacente.
A fácil aplicación do produto é outra das vantaxes que suliña Miguel Ángel Souto. "Esta pasta inxectable será moi fácil de empregar por parte do profesional. Evita ao cirurxano tér que manipular o biomaterial misturalo coa sangue do pacente ou con soro- para conformar unha pasta adaptable ao defecto, co conseguinte aforro de tempo e coa seguridade de que, ao non ter que ser manipulado, o produto segue mantendo a condición estéril". Outra vantaxe desta sinxela aplicación é que permitirá a utilización da pasta en patoloxías nas que non se estaban empregando biomateriais de forma habitual debido á complicación que presenta a súa aplicación.
A pasta biocerámica empregarase na cirurxía non invasiva e o seu uso centrarase en tres campos: neurocirurxía, traumatoloxía e odontoloxía por ser as tres principais especialidades que traballan con osos. Non obstante, Miguel Ángel Souto adianta que "estamos estudando a posibilidade de abrirnos a outras especialidades tales como a otorrinolaringoloxía e a cirurxía reconstrutiva, xa que en moitas das súas intervencións interveñen os osos", afirma.
PARTÍCULAS DE FOSFATO TRICÁLCICO DE TAMAÑO NANOMÉTRICO.- O tamaño do fosfato tricálcico que se vai empregar na elaboración da pasta inxectable é de gran importancia para os resultados do estudo. As partículas de fosfato tricálcico que constituirán o produto terán un tamaño nanométrico, inferior a 0,15 micras unha micra é unha milésima de milímetro-. O investigador explica que este tamaño tan pequeno "producirá que o fosfato tricálcico, unha vez introducido na zona do defecto, sexa moito máis activo que se o tamaño da partícula fora maior, polo que a rexeneración do defecto faráse nun tempo menor. Isto mellorará a calidade de vida do pacente, xa que se poderá reincorporar á súa vida normal nun tempo inferior".
Antes de lanzar o produto ao mercado ensaiarán os seus efectos en animais. Implantarán a pasta inxectable a ratas de laboratorio e a coellos para comprobar, segundo explica Miguel Ángel Souto, "que o material non é citotóxico, é dicir, que non produce ningunha reacción non desexada no organismo", declara.
No proxecto colabora tamén o Instituto de Cerámica de Galicia, que se encargará de todas as tarefas relativas ao deseño dos materiais elección, caracterización, preparación de misturas, ensaios de reoloxía, estudos de inxectabilidade e parte da realización dos ensaios in vivo.
Keramat, pola súa parte, fará todo o relativo ao escalado industrial, que consiste en pór a punto o proceso de fabricación da pasta inxectable, o deseño do envasado e sistemas de dosificación do produto e a obtención do marcado CE, requisito indispensable para poder comercializar un produto sanitario. Trátase, xa que logo, dun exemplo de colaboración entre unha empresa e un centro tecnolóxico valorada dun xeito moi positivo dende Keramat. "A finalidade desta colaboración é a de aproveitar os coñecementos dun centro con ampla experiencia no campo dos biomateriais para desenvolver un produto que poida saír ao mercado e que cubra unhas necesidades que, até o de agora, non estaban presentes", afirma Miguel Ángel Souto.
Até o de agora, só unha empresa alemana comercializa un produto parecido ao que quere desenvolver Keramat, pero cunha diferencia fundamental na composición que explica Miguel Ángel Souto: "a pasta inxectable de Keramat tén un contido en sólidos do 65% e a alemana tén un contido en sólidos do 35%, o que se traduce nunha menor reactividade e nunha reabsorción dez veces máis lenta que a pasta de Keramat". Ademais, o investigador puntualiza que, ao ter unha maior porcentaxe de sólidos, "necesitaráse menos cantidade do noso material para encher un defecto óseo".
RECONSTRUCIÓN ÓSEA EN INTERVENCIÓNS RELACIONADAS COA ESTEOPOROSE.- Dende Keramat sinalan que, co desenvolvemento desta pasta, ofrecen un produto que a comunidade médica demandaba dende hai tempo, un biomaterial que sexa eficaz e moi cómodo de utilizar. Segundo Miguel Ángel Souto, "a pasta inxectable de fosfato tricálcico, ao ter un tamaño de grao inferior a unha micra e unha viscosidade moi alta, permanecerá estable na zona do defecto e será reabsorbida e substituída polo oso autólogo unha vez completado o proceso de reabsorción". A reconstrución ósea en intervencións relacionadas coa esteoporose será un dos usos principais do produto.
As propiedades da pasta inxectable son varias e así o subliña Miguel Ángel Souto: "a súa composición, a base de fosfato tricálcico, fai que sexa un produto sen posibilidade de rexeitamento polo corpo humano, favorece os procesos de vascularización e colonización celular, non contén ningunha substancia de orixe animal, evita as complicacións derivadas da extracción de autoinxertos e a súa presentación como inxectable permite a diminución do tempo quirúrxico e a contaminación do produto durante o manexo".
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.