XORNAL I Santiago.- Bugallo xustificou o prazo de 14 meses xa que ademais da redefinición do proxecto e da integración do proceso participativo, hai que sumarlle que é necesario darlle o tempo imprescindible aos dous estudos arquitectónicos implicados para ter unha solución técnica viable á nova proposta de uso dos espazos.
A conselleira subliñou, asemade, o escaso custo da suspensión, que ascende a 220.000 euros, grazas ás negociacións coas construtoras implicadas, que permitiron aforrar o 6% de indemnización que por contrato lles correspondería. De non ser así, o montante total acadaría os 4,8 millóns de euros.
Sobre a nova orientación da Cidade da Cultura,
Ánxela Bugallo, salientou a necesidade de que os novos edificios, tanto os suspendidos como o resto, sexan polivalentes. Neste sentido, criticou o proxecto do anterior Goberno, onde non existe nin unha soa liña dedicada a falar da posible programación do Teatro da Música ou de como inserir esta infraestrutura nos circuítos operísticos internacionais. Ademais, cifrou a estimación do custo do equipamento escénico deste edificio en 40 millóns de euros.
Sobre a Biblioteca e a Hemeroteca, a titular de Cultura continuou referíndose á xestión anterior: Encargaron estudos illados a distintas persoas, adquiriron fondos bibliográficos sen criterios preestablecidos claros, e iniciaron un proceso de dixitalización de fondos que non atendía a ningún tipo de prioridade.
A nova orientación que a Consellaría quere para o complexo do Monte Gaiás leva implícita a idea de valor engadido. A Cidade da Cultura debe evitar subsumir unha boa parte da actividade cultural xa existente no país e debe achegar un novo valor que signifique a mellor e ampliación das nosas capacidades culturais e de desenvolvemento, asegurou a conselleira.
O obxectivo de Cultura é acadar que este grande investimento sexa rendible para a cultura de Galiza, para a súa difusión e proxección e tamén un atractivo referente da nosa cultura para aqueles que nos visiten. Para isto é fundamental, segundo
Ánxela Bugallo, o proceso de reflexión aberto á sociedade, que vai enriquecer o proxecto e que é a única garantía de que sexa integrador e asumible para todo o país.