XORNAL I A Coruña.- Alberto Núñez Feijoo foi elexido recentemente presidente do
Partido Popular de Galicia. Será o próximo candidato do PP á presidencia da
Xunta de Galicia, tralo fin da era protagonizada por
Manuel Fraga Iribarne. É deputado no
Parlamento de Galicia tras ter sido cabeza de lista nas últimas eleccións pola provincia de Pontevedra, e portavoz-adxunto do Grupo Parlamentario Popular (desde o 4 de agosto ata a actualidade). No seu partido é membro do Comité Executivo Nacional do
Partido Popular e membro do Comité de Dirección do
Partido Popular de Galicia.
Durante o último mandato de Fraga Iribarne foi Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da
Xunta de Galicia (desde o 10 de setembro de 2004 ata o 4 de agosto de 2005), cargo que compatibilizou co de Vicepresidente Primeiro do goberno popular. Na anterior lexislatura ocupou tamén o cargo de Conselleiro de Política Territorial (entre xaneiro de 2003 e setembro de 2004). Anteriormente ocupou diferentes cargos na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A., no Insalud e no Sergas, ademais de ter traballado na
Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e na de Sanidade e Servicios Sociais.
PARTICIPAR NOS ALMORZOS.- Para inscribirse nos almorzos pódese chamar ó teléfono 981 93 56 70 ou enviar un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.com. O aforo é limitado. Os `Almorzos ON/OFF´ lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG nas súas demarcacións de A Coruña e Lugo. Nestes encontros cos xornalistas teñen estado persoeiros como Ignacio Ramonet,
Teresa Táboas,
Anxo Quintana ou
José Blanco. O ciclo, que pretende fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas, conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do
Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, segundo informa www.xornalistas.com.