XORNAL I Santiago.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria,
Laura Sánchez Piñón, presidiu esta mañá a sinatura do convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral entre as tres universidades galegas e as organizacións sindicais que o representan: CIG-ENSINO, FETE-UGT, CC.OO. e CSI-CSIF. As normas contidas neste acordo serán de aplicación a todo o persoal docente e investigador (PDI) laboral que preste servizos retribuídos nas universidades galegas. O convenio foi asinado, en representación das universidades, polos reitores da Universidade da Coruña, Jose Mª Barja Pérez; da Universidade de Santiago,
Senén Barro Ameneiro; e da Universidade de Vigo, Domingo Docampo Amoedo; e, en representación da parte social, polo secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao Rodríguez; a secretaria da Federación Ensino CC.OO., Rosario Alonso Fernández; o secretario nacional de Universidades, Benjamín Rey Sanjurjo; e o presidente do sector autonómico de Galicia CSI-CSIF, Domingo Esteban Gómez Fernández.
A máxima responsable da Administración educativa autonómica referiuse ao momento histórico que supón a sinatura deste convenio, o primeiro que se fai para este tipo de persoal, destacou Sánchez Piñón. Así, subliñou o motivo de satisfacción que representa para todo o Sistema Universitario Galego este convenio, que supón un paso máis de cara a conseguir que as tres universidades galegas constitúan ese sistema e no que realmente estamos a ver unha política consensuada entre as tres institucións.
Ademais, a conselleira de Educación manifestou que agora comeza unha nova etapa coa constitución da Mesa Sectorial, na que, segundo sinalou, a Consellería vai estar coas tres universidades e as centrais sindicais tentando acadar as mellores condicións para o persoal que traballa nas institucións académicas.
O convenio para o persoal docente e investigador asinado hoxe regula, entre outros puntos, as funcións do persoal contratado e o lugar de prestación do traballo, as figuras contractuais, e o réxime, a contratación e as retribucións deste persoal. Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, manterá a súa vixencia ata o día 31 de decembro de 2007 e prorrogarase de ano en ano. Os seus efectos económicos aplicaranse desde o 1 xaneiro de 2006.
Así, segundo este acordo, as funcións do persoal docente e investigador contratado polas universidades comprenden a prestación de servizos en labores docentes, investigadoras, de titoría ou asistencia aos estudantes e a atención ás necesidades de xestión do departamento, centro ou universidade na xornada laboral establecida.
No tocante ás figuras contractuais, o convenio establece nove tipos: axudante, profesor colaborador, profesor axudante doutor, profesor contratado doutor, profesor asociado, profesor visitante, profesor emérito, lector, e profesor contratado interino de substitución.
No tocante ao réxime do persoal contratado, o convenio colectivo asinado hoxe establece que os contratos de axudante, profesor axudante doutor, profesor asociado, profesor visitante, profesor emérito e lector terán duración determinada. A duración do contrato de axudante e profesor axudante doutor será de catro anos de prestación de servizos efectivos e a retribución non superará catro anos en cada figura. No caso dos axudantes e profesores axudantes doutores que xa estiveran vinculados a esas figuras por relación contractual anterior con calquera universidade, a duración máxima dos contratos será o que reste para completar o período máximo de contratación de catro anos. Por último, o acordo fixa o réxime de contratación dos profesores asociados, que será temporal, establecendo as universidades a duración máxima destes contratos, e o seu carácter renovable ou non.
O procedemento de selección do PDI das universidades galegas é outro dos aspectos que aborda o convenio, establecendo que a súa contratación realizarase mediante concursos públicos convocados polas institucións académicas de acordo cos procedementos establecidos nos estatutos de cada unha. Así, cada universidade establecerá un baremo puntuado de méritos, no que se terán en conta os seguintes criterios xerais: a formación académica do candidato; o grao de doutor naquelas prazas nas que non sexa requisito de acceso; a experiencia docente, profesional e investigadora; outros méritos adecuados ao perfil da praza, e o coñecemento da lingua galega.
O convenio de colaboración asinado entre as tres universidades galegas e as principais organizacións sindicais regula as retribucións que percibirá o persoal docente e investigador contratado. Así, o profesor contratado doutor terá a mesma retribución que un profesor titular de universidade; a retribución para o profesor axudante doutor será, para o ano 2006, de 23.157,87 euros anuais e, para o ano 2007, de 24.283,48 euros, máis a actualización que se aprobe para os empregados públicos; para o axudante establécese unha retribución anual de 19.360,17 euros para o ano 2006, incrementándose no ano 2007 en 3 puntos sobre a actualización que se aprobe para os empregados públicos; a retribución do profesor colaborador será a mesma dun profesor titular interino de escolas universitarias; a do profesor asociado será a que corresponda en función da dedicación; a do profesor visitante será a mesma dun profesor contratado doutor; e, para o profesor emérito, mantense a estrutura retributiva actual en cada universidade.