Galicia contará con 460 centros concertados para a Igualdade e Benestar

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asinou hoxe en Santiago co presidente da Fegamp, Xosé Crespo, o protocolo de creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha novidosa fórmula de xestión dos servizos sociais que, segundo dixo Quintana, prevé incorporar na súa creación máis de 300 centros sociais en toda Galicia e permitirá ademais crear outros 160 novos centros no ámbito da igualdade e do benestar en distintos concellos de toda Galicia.
Xornal.com - clásica Actualizado 24/04/2006 - 18:42 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s


XORNAL I A Coruña.- No acto oficial da sinatura deste protocolo e ante máis de 200 alcaldes e responsables municipais de toda Galicia, o vicepresidente da Xunta sinalou ademais que a actividade deste Consorcio en canto comece a andar xerará máis de 4.000 empregos nos distintos concellos implicados na súa actividade. Ademais, Quintana anunciou que nos dous vindeiros anos este Consorcio investirá máis de 130 millóns de euros na creación, rehabilitación e xestión de centros sociais.

Ademais dos centros que prevé incorporar no momento da súa creación, o Consorcio permitirá a construción de 85 novos centros en materia de igualdade -escolas infantís e Puntos de Atención á Infancia- e 77 novos centros en materia de benestar, entre residencias, miniresidencias e centros de día para a terceira idade e centros para a atención da discapacidade. Os centros en materia de igualdade xestionados por este Consorcio poderán xerar uns 2.000 empregos directos nos concellos en que se atopen, e no caso dos centros de benestar poderán supoñer case 1.700 empregos directos e máis de 300 indirectos.

Polo que respecta aos investimentos previstos polo Consorcio, para os centros relacionados coa igualdade os orzamentos deste ano consignan xa 14,5 millóns de euros, dos que máis de 9 millóns se investirían na construción e recuperación de centros e 5,4 millóns de euros serían para o mantemento e xestión dos mesmos. Polo que respecta aos centros para maiores e discapacitados, os investimentos superan os 52 millóns de euros para a construción e rehabilitación e case 65 millóns de euros anuais para a xestión dos mesmos unha vez en funcionamento.

Segundo explicou o vicepresidente, a sinatura do protocolo dará paso en datas próximas á constitución do Consorcio, ao que posteriormente poderán adherirse de forma voluntaria todos e cada un dos 315 concellos galegos. Quintana sinalou que este organismo servirá como fórmula pioneira para a coxestión entre a Xunta e os Concellos galegos dos servizos sociais.

Este Consorcio é unha pioneira fórmula de xestión entre a Xunta e os concellos das políticas de igualdade e da Rede Pública de Atención á Terceira Idade e á Dependencia. Trátase dunha fórmula de xestión moderna e novidosa que ademais pretende mudar as relacións de dependencia e xerarquía que ata agora existían entre o Goberno autonómico e os concellos galegos, para pasar a colocar estas relacións nun plano de igualdade. Este modelo permitirá homoxeneidade na prestación dos servizos sociais e servirá ademais para dar estabilidade á oferta de servizos que se prestan.

O protocolo rubricado hoxe polo vicepresidente da Xunta e o presidente da Fegamp foi aceptado xa polos órganos de dirección desta última e polo Consello da Xunta celebrado o pasado 6 de abril. A partires da súa constitución, o Consorcio terá unha estrutura sinxela e equitativa no reparto de responsabilidades, que será de forma paritaria. De feito, e aínda que non hai nada escrito ao respecto, o vicepresidente da Xunta expresou xa o seu compromiso político de que os acordos que se adopten no seo deste consorcio serán sempre por consenso.

Na súa estrutura interna haberá representación de todas as entidades consorciadas. A Presidencia do Consorcio será para a Vicepresidencia da Xunta; a Vicepresidencia deste organismo será para un representante dos concellos. Ademais, haberá unha Asemblea Xeral, na que estarán 6 representantes da Vicepresidencia e un por cada concello e que terá voto ponderado. O Consorcio terá ademais un Comité Directivo do que formarán parte o presidente e o vicepresidente do Consorcio e 7 membros elixidos entre os representantes dos entes consorciados, a razón de 4 por parte da Xunta de Galicia e 3 pola banda dos concellos.

Por último o Consorcio terá unha Xerencia, que será un órgano unipersoal para a dirección dos seus servizos, e que estará supervisado polo Comité Directivo e a Presidencia do Consorcio.

Ademais dos responsables municipais, no acto de sinatura celebrado hoxe en Santiago estiveron presentes representantes dos grupos parlamentarios no Parlamento de Galicia, do Colexio de Traballadores Sociais, do Colexio de Psicólogos, da Confederación Galega de Minusválidos (Cogami), da Asociación Galega de Residencias (Acolle), da Asociación Autismo de Galicia, de Aspace e de G-Prodis, entre outros.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad