XORNAL I Santiago .- Onte, luns 8 de maio, xuntouse en Santiago de Compostela o xurado do premio Compostela Plató. De entre os 143 guións que concorreron á convocatoria, o xurado tivo que escoller entre cinco finalistas. Finalmente, obtívose o seguinte veredicto:
GAÑADOR guión titulado Bichos raros, presentado baixo o pseudónimo de Ornitorrinco.
1º FINALISTA guión titulado No es una buena idea, presentado baixo o pseudónimo de Tada-Ima.
2º FINALISTA guión titulado Oficios y Mentiras, presentado baixo o pseudónimo de Tramax.
Tras a apertura de plicas, descubriuse que as autoras do guión gañador, Bechos raros, son Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes, ámbalas dúas residentes en Madrid.
En breves días, as autoras do guión chegarán a Santiago de Compostela para comezar os traballos de guión definitivo e preprodución da curtametraxe, cuxa rodaxe está prevista para as primeiras semanas do mes de xuño na cidade. O 21 de outubro estrearase o filme, a escala internacional, coincidindo coa Gala de Clausura de CurtoCircuíto06.
A organización do festival quere agradecer a todos os concursantes a súa participación, e facer fincapé na alta calidade dos traballos recibidos. O xurado estivo formado por personalidades dos ámbitos audiovisual e literario: Álex Sampayo, director e guionista; Isabel Blanco, actriz; Jorge Coira, director; Manuel González, asesor de Comunicación Audiovisual da
Xunta de Galicia; Julio Casal, produtor e cordenador do Festival e Antonio Mugico, cordenador executivo do Festival.
O premio consiste na produción completa do guión, con toda a axuda humana e técnica precisa e un importante orzamento. A curtametraxe rodarase en Compostela nas primeiras semana de xuño, con, alomenos, un 60% de galegos na equipa de rodaxe.
DATOS DAS GAÑADORAS.- Estibaliz Burgaleta , coautora do guión de Bichos raros, xunto con Alegría Collantes, reside e traballa en Madrid. A súa traxectoria profesional está ligada ao mundo do audiovisual (guión, produción..), tendo traballado en tres curtametraxes que acadaron recoñecemento en prestixiosas citas e festivais. Estibaliz Burgaleta e Alegría Collantes presentaron ao Compostela Plató o guión titulado Bichos Raros. A obra fala de que o ser humano é o becho máis raro da naturaleza. Mesmo máis que o ornitorrinco. Para demostrar esta afirmación, séguense os pasos de tres curiosos especímenes de bechos raros. Esta é a historia de tres habitantes nun ecosistema normal que lles é hostil e que elixen tres formas distintas de vivir a súa vida
E precisamente é esa capacidade de elección a que fai do ser humano o becho máis raro da natureza.
MÁIS DUN CENTO DE HISTORIAS.- As máis de 140 historias que chegaron a Compostela para participar no Compostela Plató tiñan liberdade total en canto á temática; só tiñan como única condición estar localizadas na cidade de Santiago de Compostela, alomenos nun 80% (interiores ou exteriores).
O concurso de guións Compostela Plató é unha importante oportunidade para que os creadores de historias teñan a oportunidade de dirixir o seu traballo e velo materializado e introducido no mercado audiovisual internacional.
ACTIVIDADES TODO O ANO.- O III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto06, que se vai celebrar na capital galega do 17 ao 21 de outubro de 2006, conta, ademais, cun concurso de curtametraxes e un concurso de micromovies, de ámbito internacional, cuxo prazo de inscrición ficará aberto até o 30 de xuño. Até o momento téñense recibido curtas de Corea do Sur, Australia, México, Palestina, EE.UU., Suíza, o Reino Unido, Francia
e de parte do territorio estatal.
Mais as actividades do CurtoCircuíto06 acaban mesmo de comezar e prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (CurtoCircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.
O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación
Caixa Galicia.
---
www.curtocircuito.org