XORNAL I A Coruña.- A
Xunta e o Goberno central analizarán esta tarde en Madrid co presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, a situación na que quedará a compañía RTVE en Galicia, logo do seu Plan de Reestruturación. O conselleiro de Presidencia,
José Luis Méndez Romeu, o titular de Traballo,
Ricardo Varela, e o secretario xeral de Comunicación,
Fernando Salgado, interesáranse en Madrid polas repercusións para Galicia do Plan de Saneamento e Futuro do ente RTVE.
Neste sentido, defenderán a postura expresada polo presidente da
Xunta o pasado 30 de marzo que pretende, por un lado, que as medidas que se adopten na dirección de dotar dunha mellor solidez económica e financeira a RTVE, non menoscaben o mantemento dunha estrutura territorial que responda ás necesidades autonómicas e locais.
Ademais, destacarán a necesidade de que non se esqueza a función de servizo público que, por mandato constitucional, desenvolve RTVE. Un compromiso que implica, nunha comunidade histórica como Galicia, que posúe lingua e cultura propias, a decidida promoción de coñecemento, uso e normalización do idioma galego. Asemade, RTVE debe ofrecer resposta ás necesidades informativas de ámbito local, autonómico e estatal cun cadro de persoal axeitado a este fin.
Por último, trasladarán ao presidente da SEPI, que a redución ou eliminación do número de horas de emisión diaria en lingua galega suporía un retroceso histórico nos medios de comunicación públicos é unha grave merma á pluralidade lingüística e cultural de España.