Touriño presenta en Vigo o hospital "máis grande e moderno de toda Galicia"

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que a construción do novo hospital na cidade olívica converterá a Vigo na referencia sanitaria “de todo o país” e salientou o “compromiso” do goberno galego e o seu propio, por facer realidade esta nova infraestrutura.
Xornal.com - clásica Actualizado 07/07/2006 - 13:39 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Vigo.- O titular do Goberno galego asegurou, ademais, que o novo hospital, que suporá un investimento inicial de 370 millóns de euros só en obra civil e equipamento, permitirá darlle “pulo” á cidade e erixila en “punto vertebrador” de formación, investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da sanidade.

“O novo hospital que, sen dúbida, será o máis grande e moderno de toda Galicia, é un dos retos máis importantes, pero tamén máis queridos, polo Goberno da Xunta. Será unha das realidades que situará á cidade de Vigo como referencia sanitaria da rexión sur de Galicia e tamén de todo o país”, significou o presidente, quen sostivo que o plan funcional recolle as necesidades, tanto cualitativas como cuantitativas deste novo equipamento.

Así o manifestou no decurso da súa intervención no acto de presentación do plan funcional do novo hospital, no que estivo acompañado, entre outros, pola presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras e as conselleiras de Sanidade, María José Rubio Vidal, e Pesca, Carmen Gallego Calvar, ademais do secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Antolín Rodríguez Martínez. O plan presentado desenvolve as directrices a seguir no que atinxe ao perfil asistencial e a carteira de servizos; a relación do novo hospital co resto dos centros sanitarios da área, a tecnoloxía médica e de coidados coa que contaría o novo centro e a utilización de servizos alternativos á hospitalización convencional. “Unha ferramenta, en suma, que axudará a planificar toda a área sanitaria de Vigo e a súa actividade asistencial”.

Touriño asegurou que as directrices hoxe presentadas farán do novo hospital “ un modelo a seguir de cara á atención aos usuarios e á primacía da calidade nos servicios”. “ Un centro hospitalario seguro, accesible e confortable. O eslabón dunha rede de servizos integrada, viable, funcional e sostible a longo plazo”.

COMPROMISO CON VIGO.- Na súa intervención, o máximo mandatario galego sostivo que a presentación do plan funcional constitúe unha “mostra palpable” do compromiso do seu Goberno con Vigo e cun novo modelo sanitario “que prima a saúde e o benestar da cidadanía”, que aposta polo carácter público do sistema e promove “a igualdade nos dereitos e garantías”, así como a participación dos profesionais, pacientes e sociedade. Touriño puxo como exemplo deste novo modelo o financiamento íntegro dos empastes bucodentais de todos os nenos ata os 14 anos, medida posta en marcha pola Consellería de Sanidade que beneficiará potencialmente a máis de 200.000 rapaces.

O responsable autonómico sinalou que o novo hospital é o resultado da demanda dos profesionais sanitarios e do empuxe da sociedade de Vigo e da súa área metropolitana. Amosouse convencido de que “o novo hospital será un exemplo de traballo harmónico e de consenso entre a cidadanía e a acción política. O produto dunha participación social como expresión máxima de avance e de futuro”, expresou.

Ao respecto, Touriño adiantou que a Xunta avanzará nesta liña de participación coa posta en marcha este ano en Pontevedra dun curso de formación sanitaria dirixido a líderes veciñais, “unha experiencia absolutamente innovadora” que se estenderá progresivamente ao resto do país e a outros colectivos.

O presidente sostivo que o plan funcional supón unha clara aposta pola vertebración “equilibrada e territorialmente cohesionada” do país -, así como polo reforzamento do papel das cidades como “motor de desenvolvemento” económico, social e cultural, “do que Vigo sempre foi e será actor principal”

“Xa temos dado mostras do compromiso do Goberno galego con esta cidade e a súa área. Lembrar a fin da peaxe de Rande ou o proxecto de Cidade do Mar é falar de presente, pero tamén dun novo futuro que lle dará a Vigo e á súa área pulos innovadores á súa tradicional puxanza económica, social, comercial e cultural. Teño a plena confianza de que o hospital se sumará e aportará un gran valor a este novo escenario deste gran Vigo”, concluíu.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad