XORNAL I A Coruña.- O autor de "Os
libros arden mal" demostra "a súa estrañeza de que a estas alturas" Fraga "saia con estas historietas como se tivera contas pendentes" e cre que estas declaracións "de ira contra mín son no fondo unha manifestación de carraxe contra a liberdade".
Os dous escritores relacionan o pasado franquista de Fraga con estas críticas. "Nas súas orixes loitou contra a liberdade, practicou un estilo de calumnia cando era ministro de propaganda contra os opositores" e agora regresa con "estas manifestacións falsas e calumniosas" como "se pechara un ciclo", explica o autor de "O heroe", que volveu implicarse durante a onda de incendios que azoutou Galicia como fixera no Prestige. Para o autor de "Polaroid", o ex presidente da
Xunta "é un difamador ó servizo de Franco" que "viviu da mentira e é incapaz de cambiar" e laméntase de "ver a un vello que nos últimos anos da vida é incapaz de abandonar a mesquindade e a mentira". "Eu que o coñezo sei que é un home intelixente, que sabe a vileza que está a facer", confesa tamén en
Galicia-Hoxe.
Pola súa parte, Rivas fai a súa propia análise do senador e afirma que "unha persoa que non pode entender o mundo á marxe do poder" é capaz de lanzar "este ataque contra outro que o que fai e o que fixo é escribir con liberdade". Así mesmo, o autor limítase a dicir que "podería escribir un libro pero xa fago un retrato do que significou en Os
libros arden mal".
Na entrevista que publica ABC, Fraga lembra unha anécdota na que relata como "o señor
Suso de Toro pediu verme cando eu era presidente da
Xunta. Inviteino a cear e díxome que el e un grupo necesitaban moito diñeiro para facer unha nova política cultural para Galicia. Cando lle pedín que me enviara o proxecto, el contestoume que non e dixo: vostede denos os cartos e logo se verá como se invirten. Polo visto xa encontraron quen lles dea ese diñeiro". Sobre este encontro,
Suso de Toro lembra que Fraga xa lle fixera "esta mesma difamación hai seis anos" cando "eu denuncie que non había liberade de expresión na Galiza" e "sufrín o primeiro intento de fusilarme". Nese momento e a petición do mesmo Fraga decidiu facer públicas "as dúas cartas que lle enviei". En canto ó tema económico "eu son autónomo e as miñas contas están todas na facenda pública, a disposición de todos" afirma o creador de "Tic Tac".
Sobre as críticas engadidas que choveron sobre
Suso de Toro desde os medios da dereita que o cualifican de ser un referente no discurso do presidente do Goberno, o escritor di "con moito orgullo que me identifico coa España de Zapatero na que cabe a Galicia pola que sempre loitei" porque "sempre estiven pola miña terra, pola democracia e contra o fascismo".