A Xunta saúda ó novo curso escolar anunciando unha mellora nos comedores

O 90% dos traxectos terán acompañante escolar ao final do curso.

Investiranse 17M€ na dotación dos centros galegos con máis de 11.000 ordenadores.

Dez centros de Primaria inician a escolarización en tres linguas e increméntanse en 15 o número de colexios bilingües.

Este curso os centros escolares galegos contarán con máis de 100 seccións europeas de ensino multilingüe.
Xornal.com - clásica Actualizado 11/09/2006 - 13:36 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Lugo .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou hoxe na apertura do curso escolar en Lugo que o Goberno galego fará “un esforzo de prioridade” en materia de educación e así se reflectirá nos orzamentos de 2007 da Xunta. Así mesmo, indicou que o Executivo está comprometido co Pacto Social pola Educación no que, segundo dixo, “se deben implicar tanto as propias administracións, como o profesorado e os pais dos alumnos”. Como exemplo de cooperación entre as distintas partes implicadas na educación, o titular da Administración autonómica avanzou o establecemento, por parte da Xunta, dunha liña de axudas por valor dun millón de euros para a mellora dos comedores escolares.

Esta contía destinarase a asociacións de pais e nais para apoiar todas as accións que estas organizacións están a desenvolver en materia de comedores escolares. Esta medida que o presidente enmarcou dentro do compromiso do Goberno coa conciliación familiar, verase reforzada coa elaboración do novo decreto de comedores escolares, que substituirá á do 89, que o presidente tildou de “desfasado”.

O presidente do Goberno galego salientou o traballo que está a realizar, desde o pasado ano, o Executivo autonómico para ofrecer un Sistema Educativo de Calidade. Para acadar este obxectivo, explicou, puxéronse en marcha medidas articuladas sobre tres principios estratéxicos: a gratuidade dos libros de texto, que beneficiou a 80.000 familias; o incremento do 1.200% das rutas de transporte escolar con acompañante e as axudas para mercar ordenadores e bolsas para estudos no estranxeiro.

Pérez Touriño indicou que estes programas terán a súa continuación este curso, mellorando así substancialmente a oferta do sistema educativo. Neste sentido anunciou que este ano incorporarase a figura do acompañante escolar a 607 novas rutas, o que permitirá cubrir máis do 90% dos traxectos a final de curso.

Salientou que outro dos eixes nos que se porá especial interese é o do uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Segundo explicou o presidente, a aplicación das TIC no ensino xa foi posta en marcha o ano pasado e ao longo deste curso investiranse 17 millóns de euros para dotar con máis de 11.000 ordenadores aos centros galegos.

APOSTA POLO MULTILINGÜISMO.- O máximo mandatario da Xunta apostou hoxe polo “plurilingüismo como riqueza nunha sociedade do coñecemento na que poder desenvolverse en varios idiomas é xa un requisito”. O titular do Goberno galego explicou que esta necesidade motivou a posta en marcha, neste curso, dun programa pioneiro que “pretende virar o tradicional déficit do sistema educativo no ensino de idiomas”. No curso que comeza hoxe, 10 centros educativos de Primaria inician a escolarización en tres linguas e increméntanse en 15 o número de centros docentes bilingües, aumentando deste xeito as seccións europeas a máis de 100.

Ademais, Pérez Touriño lembrou que este ano duplicaranse o Plan de bolsas de estudo de idiomas no estranxeiro, grazas ás que 600 rapaces disporán de financiamento para desprazarse a outros países durante o verán.

Tamén no eido lingüístico, o xefe do Executivo autonómico salientou o Programa de Fomento da Lingua galega na etapa de Educación Infantil que inicia a súa andadura este curso. Este proxecto enmárcase no cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua galega. Deste xeito, 17 centros escolares comezan este curso unha liña de ensino en galego na etapa infantil, na que participarán 850 nenos e nenas. Para o presidente da Xunta, esta iniciativa ten a maior novidade “en que por primeira vez son os pais os que elixen a lingua na que queren escolarizar aos seus fillos”. Isto –dixo- “sen prexuízo de que adquiran os coñecementos na outra lingua oficial de Galicia: o castelán”.

TOLERANCIA E CONVIVENCIA.- Co inicio do curso 2006-2007 comeza tamén o Plan Integral de Mellora da Convivencia nos centros educativos, un programa que segundo indicou o presidente enmárcase dentro dun “sistema educativo comprometido coa pluralidade, coa igualdade e coa convivencia pacífica”. O plan, coa creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, potenciará a prevención de posibles causas de conflitividade e fomentará a convivencia nos centros educativos. Ademais, acompáñase do Plan Valora, unha iniciativa coa que se impulsará a educación en valores democráticos.

Así, informou de que este ano ampliarase o abano de programas que están a levar a cabo o Programa Proa, destinado a frear as causas que poidan incidir sobre o fracaso escolar e atender á diversidade. Neste sentido, Pérez Touriño quixo facer fincapé na importancia de prestar maior atención á diversidade do alumnado estranxeiro en Galicia, un grupo que en Galicia se sitúa nun 2,4% no ensino non universitario.

Participarán neste proxecto 76 centros, dos que 40 continuarán o programa iniciado o ano pasado. Este plan contribuirá –indicou o presidente- “a debilitar os factores xeradores das desigualdades e garantirá a atención as colectivos máis vulnerables para mellorar a súa formación e previr os riscos de exclusión social”.

UNHA NOVA AULA.- O presidente da Xunta inaugurou ademais unha nova aula no centro “A Ponte” de Lugo, unha aula de atención especializada a nenos autistas, garantindo así a mellora atención a estes alumnos. Neste sentido, felicitou a todo equipo implicado na aposta por un proxecto que “é unha posta decidida pola integración e a igualdade”. Tras a inauguración, o presidente da Xunta mantivo un encontro con alumnos e alumas e parte do profesorado no patio do colexio.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad