Fernando Salgado salienta a aposta da Xunta polo sector audiovisual

Así o sinalou durante a cea ofrecida esta noite aos participantes nos primeiros Encontros co Cine Galego: Galicia Terra de Cine.

Sinala que o obxectivo principal que persegue o Consorcio Audiovisual de Galicia é contribuír a “abrir novas fiestras polas que promocionar os nosos produtos”.

Considera que os encontros contribuirán a reforzar a confianza dos creadores galegos e a constatar que “somos un país ilusionado co seu audiovisual e con plena confianza nos seus emprendedores”.
Xornal.com - clásica Actualizado 16/09/2006 - 12:36 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I A Coruña.- O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, sinalou hoxe que o Goberno da Xunta está a apostar polo audiovisual galego, consciente de que se trata dun sector “estratéxico” e “prioritario”, dada a súa capacidade para xerar emprego e recursos e para promocionar “a propia imaxe do país como diferenciado que é”.

Fernando Salgado, que presidiu esta noite unha cea ofrecida aos participantes nos primeiros Encontros co Cine Galego, Galicia Terra de Cine, referiuse á necesidade de que a Comunidade “gane a batalla do audiovisual para sobrevivir como tal país singular na pluralidade da sociedade global”. “Galicia busca abrirse un oco no mundo e nos seus mercados, ao tempo que sirva para promocionar aos seus profesionais”, argumentou.

De aí que o sector da produción audiovisual galega estea entre as prioridades do Goberno da Xunta e, en particular, do Consorcio Audiovisual de Galicia. “Con actos coma os de hoxe co que pretendiamos, e creo que o conseguimos, mostrar á opinión pública local e foránea, aos especialistas, que hai vida no audiovisual galego –dixo Fernando Salgado-, sabemos que tamén contribuímos a abrir novas fiestras polas que promocionar os nosos produtos”.

PROGRAMAS DE PROMOCIÓN AUDIOVISUAL.-Nesta liña, lembrou que desde o Consorcio xa se puxeron en marcha diversos proxectos destinados a impulsar e promover o audiovisual galego, como o programa Raíces, unha iniciativa “cada vez con maior éxito” que permite a produtoras galegas establecer convenios de coprodución con Arxentina e Cataluña, “á espera –engadiu Salgado-, de novas incorporacións que esperamos concretar nos próximos días”. De igual xeito, desde o Consorcio Audiovisual tamén se promoveron cursos de formación, xornadas de reflexión e debate e accións de difusión exterior dos filmes da Comunidade.

Galicia, Terra de Cine é outra das iniciativas postas en marcha desde a Xunta coa que se pretende reforzar a confianza dos creadores galegos na súa capacidade de producir e, ao mesmo tempo, para que os participantes poidan constatar “que somos un país ilusionado co seu audiovisual e con plena confianza nos seus emprendedores”.

VISIONADAS DESTA XORNADA.-Na xornada de hoxe, os participantes en Galicia, Terra de Cine, puideron asistir ao visionado de distintas producións galegas. Entre elas, os documentais Exilios, Crónicas do 36, O novo Emden, A maleta de Sofía, A guerra da auga,, A cuarta pista, Linatakalam, Bassir & Karpin, Sherezade en Galicia, Soños desde o abismo; ou as TV movies e producións de animación En branco e negro, Pérez. O ratiño dos teus soños, Donkey Xote, Linko Killer, Abrígate, Concursante, Ecos, O espello, De Profundis, A flor máis grande do mundo, A crise carnívora, O neno de barro, Hotel Tívoli, Os Totenwackers, Metílico, a bebida da morte, Pradolongo, Mia Sarah, Días azuis, Unha muller invisible, ¿Hai alguén en casa?, Mute, O home do saco, Retornos, O partido, Melocotón en almíbar ou O Tesouro.

Na xornada de mañá sábado, os produtores, directores e actores participantes concertarán encontros e entrevistas particulares cos medios de comunicación asistentes. Así mesmo, procederase a visitar os escenarios da rodaxe da película de Voz Audiovisual “El menor de los males”.

PARTICIPANTES.-Un total de quince produtoras (Acuarela Comunicación, Saga TV, Diplodocus Producións, Filmax Animation, IB Cinema, Continental, Adivina Producións, Filmanova, Ibisa TV, Vía Láctea Filmes, Formato Producións, Milou Films, Latido Films, Vaca Films Studio e Voz Audiovisual) participan en Galicia, terra de cine, así como xornalistas de destacados medios de comunicación como a Cadena Ser, TVE, La Vanguardia, El Correo, Variety (Inglaterra), Antena 3, El País, La Razón, Screen International, Telam (Arxentina), Film-Dienst (Alemaña), El Mundo, Onda Cero, Fotogramas, Europa Press, Imágenes ou Cine por la Red, ademais de directores de festivais como os de Málaga, Lleida, Las Palmas, Cineuropa ou o Festival de Cine de Ourense.

Tamén participan nos encontros actores como Daniel Freire e Chete Lera (O neno de barro); Luis Tosar (Hotel Tívoli e Metílico, a bebida da morte); María Bouzas (Unha muller invisible e Abrígate); Carlos Blanco (Unha muller invisible); Roberto Álvarez (O menor dos males); e Verónica Echegui (O menor dos males).

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad