XORNAL I A Coruña.- O secretario xeral de Comunicación da
Xunta de Galicia,
Fernando Salgado, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asumiron este mediodía o compromiso de crear e institucionalizar unha sección denominada Chano Piñeiro que se enmarcará no contexto da mostra cinematográfica Cineuropa e terá como obxectivo fomentar e promocionar o patrimonio audiovisual galego. Salgado e Bugallo asinaron hoxe un convenio con este fin no que tamén se prevé a creación dun premio homónimo Chano Piñeiro- que pretende distinguir o filme galego máis relevante da sección.
No decurso do acto,
Fernando Salgado cualificou o marco de Cineuropa como moi axeitado para a celebración do acto de entrega deste galardón de nova creación pola veteranía dun certame que acada neste ano a súa vixésima edición. Paralelamente, o responsable da Secretaría Xeral de Comunicación da
Xunta indicou que este galardón nacido para fomentar o audiovisual galego supón un paso máis no compromiso adquirido polo Goberno galego co potenciamento do sector audiovisual.
Enxalzar a figura de Chano Piñeiro
O premio estará dotado con 60.000 euros que serán achegados pola Secretaría Xeral de Comunicación e será entregado nun acto público o próximo mes de novembro, no decurso de Cineuropa, mostra que goza xa dunha consolidada traxectoria na capital galega.
Ao abeiro deste convenio de colaboración maniféstase o obxectivo da Secretaría Xeral de Comunicación de promover o audiovisual galego no marco dos diferentes certames cinematográficos que se celebran en Galicia. O galardón Chano Piñeiro que se creará este ano no contexto de Cineuropa pretende, así mesmo, ser un recoñecemento expreso á figura deste relevante persoeiro da cinematografía galega, enxalzar a súa figura e poñer de manifesto o seu labor en prol do cine en Galicia.
A Secretaría Xeral de Comunicación, consciente da relevancia que mostras como Cineuropa posúen para o sector audiovisual xa que incentivan a profesionalidade e melloran o coñecemento das producións audiovisuais, decidiu colaborar co Consorcio da Cidade de Santiago na posta en marcha desta sección e do galardón do mesmo nome posto que a este departamento do Goberno galego a quen lle compete a promoción do patrimonio audiovisual de Galicia.