A Xunta aprobará medidas urxentes para reparar danos do temporal

Pérez Touriño anuncia que a Xunta aprobará un decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal de chuvias da pasada fin de semana
O titular do Goberno galego realizou este anuncio onte á tarde en Baiona, logo de visitar as zonas máis afectadas polo temporal neste concello e no de Oia.
Xornal.com - clásica Actualizado 24/10/2006 - 13:44 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Baiona.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou esta tarde que o Consello da Xunta vai aprobar o próximo xoves un decreto de medidas urxentes encamiñadas á reparación dos danos causadas polo temporal de chuvias da fin de semana pasada, que afectaron fundamentalmente á provincia de Pontevedra. O máximo mandatario autonómico así o asegurou esta tarde en Baiona, logo de visitar as zonas máis afectadas pola choiva neste concello, concretamente a parroquia de Sabarís, e as de Viladesuso e Pedornes, no Concello de Oia.

Emilio Pérez Touriño sinalou que se trata dun decreto “exhaustivo” que atenderá a “todas as zonas afectadas pola chuvia dos últimos días”. Explicou que este decreto contemplará medidas para a reposición de infraestruturas locais afectadas, axudas ás persoas físicas para a reparación e rehabilitación das súas vivendas e medidas complementarias de axuda ao comercio.

O presidente precisou que as axudas ás persoas físicas irán encamiñadas á reparación das vivendas e do enxoval doméstico e que cubrirán ata o 100 por cento do valor da reposición do inmoble danado cando se trate da residencia habitual das familias afectadas ou ata o 40%, no caso de que as vivendas sexa ocasionais.

O titular do Goberno galego explicou ademais que este decreto será semellante ao aprobado no anterior consello da Xunta para o caso das inundacións sufridas polas poboacións da Costa da Morte.

Pérez Touriño salientou que o máis importante neste momento é “recuperar a normalidade” e garantir plenamente “o realoxo en condicións razoables” das familias que se viron afectadas pola tromba de chuvias das últimas horas. Para o realoxo das familias afectadas, segundo indicou o presidente, existen dúas posibilidades: ben o realoxo na casas doutros familiares ou en vivendas de aluguer. No caso concreto destes dous concellos pontevedreses necesitaron ser realoxadas preto de 60 familias. O presidente da Xunta tamén fixo referencia a que a situación das vivendas afectadas será estudada de xeito individual para ver o que é mellor en cada caso: se a reubicación da vivenda ou a reparación da xa existente. “O obxectivo é, segundo argumento, que as familias afectadas teñan unha vivenda digna e de calidade no punto no que estaban“.

Paralelamente, o máximo mandatario autonómico enunciou que o Goberno galego vai poñer en marcha un paquete de actuacións estruturais “con visión de futuro”. Unha destas medidas, tal e como argumentou Pérez Touriño, estará encamiñada a actuar sobre as canles dos ríos de cara a súa ampliación e limpeza das mesmas. Pérez Touriño indicou que, por primeira vez, existe un plan de detección das zonas reiteradas en inundacións en Galicia, o que permitirá poñer en marcha medidas para facer fronte aos fenómenos meteorolóxicos adversos.

Ao mesmo tempo, indicou Pérez Touriño, a Xunta vai actuar sobre as infraestruturas como a estrada de Sabarís, que está a actuar como dique de contención da saída das augas cara ao mar, explicou. O obxectivo, segundo reiterou o titular do Goberno galego, é evitar estas situacións e dar saída ao mar “ás augas que quedan embalsadas”. Xunto a isto, a Administración autonómica analizará os problemas derivados da urbanización intensiva dalgunhas zonas da comunidade e actuará nas zonas queimadas para tentar recuperar a especie e intentar evitar os efectos da erosión e desertización. Trátase, en palabras do presidente, “de actuar sobre o inmediato, recuperar a normalidade e, a partir, de aí, actuar cara ao futuro nesta liña de traballo”, aseverou.

Emilio Pérez Touriño lembrou que Galicia, e en particular, a provincia de Pontevedra, viviu condicións extremas desde o punto de vista meteorolóxico. Neste sentido, sinalou que na estación de Lourizán se rexistrou o máximo histórico de caída de auga desde 1958, con 151 litros por día, recollidos o día 22.

Neste contexto indicou que se acadaron tamén máximos históricos, entre o 1 e 20 de outubro, se consideramos os valores acumulados no período 1973 ao 2003. Nesta liña, remarcou que as cifras rexistradas nos últimos 4 días superaron o total previsto para todo o mes e que as chuvias caídas entre setembro e outubro duplicaron as do ano precedente.

Por último, o xefe do Executivo galego agradeceu aos concellos, á Deputación provincial, a todos os departamentos autonómicos, aos membros dos servizos que están a traballar para resarcir os danos ocasionados o seu traballo e a todos os veciños e persoas afectadas polas inundacións. Pérez Touriño quixo salientar especialmente a colaboración cidadá e a capacidade de reacción dos concellos, así como de todo o persoal implicado nas labores de limpeza e recuperación dos lugares afectados.

Nesta liña, sinalou que se están a mobilizar todos os recursos precisos “para recuperar a situación de normalidade o antes posible”.

Na súa visita aos concellos de Baiona e Oia, o máximo mandatario galego estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, e dos alcaldes desas dúas localidades pontevedresas, entre outros.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad