XORNAL I A Coruña.- O vicepresidente da
Xunta,
Anxo Quintana, visitou esta mañá os efectos das choivas rexistradas nos últimos días en Galiza na zona da Seca, na localidade pontevedresa de Poio. Alí, Quintana destacou que o bipartito ten amosado, nesta e noutras adversidades, que hai un goberno que da a cara, que está onde ten que estar e que pon os medios para resolver os problemas. O vicepresidente da
Xunta explicou que ademais somos un goberno que temos moito que escoitar e aprender da xente e mellorar para redimir unha das herencias máis gravosas que nos deixou o PP: a indefensión de Galiza fronte á adversidade.
O vicepresidente asegurou que imos na boa dirección pero apostou por redobrar esforzos para rematar dunha vez e por sempre con esa situación de indefensión permanente de Galiza. Nun encontro na zona da Seca con patróns maiores, mariscadoras, e responsables políticos e institucionais da zona, Quintana explicou que veño a escoitar á xente e así o fixo durante a visita á zona marisqueira estragada polas enchentes. Os alcaldes de Poio e Pontevedra e representantes dos patróns e mariscadoras da zona aproveitaron este encontro para trasladarlle ao vicepresidente as súas inquedanzas respecto do futuro e as súas vivencias do ocorrido nestes días de choiva.
Quintana asegurou que fronte ás inundacións houbo un goberno que da a cara, e que informa con transparencia do que pasa, sen ocultar a realidade dos feitos e dos problemas, un goberno que non lle toma o pelo á xente, e que non multiplica os problemas coa mentira e a manipulación.
Ao lado dos afectados
Ademais o vicepresidente da
Xunta sinalou que este goberno está cos afectados, onde debe estar, e lembrou os tres decretos que se teñen materializado a este respecto, o último deles 24 horas logo das riadas. Tamén sinalou o vicepresidente que a
Xunta está a poñer os medios para resolver os problemas, en referencia tanto á vaga de lumes deste verán, na que houbo o maior exército de Europa contra o lume, na contaminación
no río Umia e nas recentes riadas, en que Protección Civil estivo ao cen por cento.
Neste senso, Quintana lembrou que o bipartito está a redobrar os seus esforzos para rematar con situacións coma a ocorrida estes días en Galiza polas riadas, ou a vaga de lumes deste verán. Quintana sinalou a modo de exemplo que o Goberno galego duplica no 2007 o orzamento destinado a Protección Civil, e no caso dos lumes o orzamento da Dirección Xeral de Montes para este asunto pasa de 70 a 125 millóns de euros para o vindeiro exercicio.
Despois de ver sobre o terreo os efectos da choiva, o vicepresidente da
Xunta trasladouse ao concello de Poio, onde mantivo un encontro con comerciantes, empresarios e veciños da zona, cos que compartiu as experiencias vividas estes días polas inundacións e escoitou a súa situación, necesidades e demandas de cara a conseguir o antes posible que a situación nestas zonas afectadas volte á normalidade.
Prestige
A preguntas dos xornalistas sobre a comparación que o PP está tentando facer deste problema coa situación vivida co Prestige, Quintana dixo que o PP está intentando a conciencia facer esta similitude, e equiparar as riadas ou os incendios co Prestige é unha irresponsabilidade. Segundo asegurou o vicepresidente, hai que pensar no país e na xente que vive do marisqueo e lembrou que hai partes do sector moi afectadas pero no se pode xeralizar transmitindo cara fóra a idea de que o marisco en Galiza se acabou ou está contaminado, porque non é certo e o PP está tirando pedras conta o tellado do país. Quintana asegurou ademais que se se quere compara, o Goberno galego no é responsable de que chova ou haxa desaprensivos que prendan lume ao monte, é responsable de tomar medidas para que esto non afecte á población. Pola contra, Quintana dixo que alonxar un barco da costa para afundilo en altamar e provocar que o chapapote se estendera por toda a costa galega si que é obra dun responsable político que, por certo, hoxe aínda non sabemos quen é porque o PP o ocultou.