XORNAL I A Coruña.- Antonio Somoza considerou que manter a Franco como alcalde honorario de Lugo é unha cuestión anacrónica e inaceptable en democracia e preguntou se veriamos normal que Hitler seguise sendo alcalde honorario de Berlín. O concelleiro nacionalista explicou que a moción presentada polo
BNG non busca facer revisionismo da historia, senón normalizar a vida democrática dunha institución como o Concello de Lugo. Entendemos que estas mencións, que veñen da época da dictadura, son acontecementos doutro tempo histórico que han de estar nos arquivos, nos
libros de historia ou en museos, pero non presidindo unha corporación democrática, opinou Somoza.
O concelleiro nacionalista lembrou que a Universidade de Santiago retiroulle recentemente a Franco o título de doutor honoris causa e que outros concellos do Estado como o de Girona ou o de Zumárraga tamén lle retiraron ao dictador o de alcalde honorario. O
BNG denunciou, sen embargo, que o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, segue mantendo a Franco como alcalde honorario da cidade, en contra incluso dunha moción aprobada en Pleno no pasado mes de abril. Para o Bloque, esta actitude do alcalde proba o nulo interese de Orozco pola recuperación da memoria, ademais de resultar contradictorio que o Concello participe en actos de homenaxe a represaliados, como recentemente os de García Lorca ou Vega Barrera, mentras segue mantendo ao dictador como alcalde de Lugo.
O grupo municipal do
BNG no Concello de Lugo esixe a Orozco que dea cumprimento á moción aprobada en Pleno no mes de abril e retire a Franco as distincións municipais que ostenta (Francisco Franco foi nomeado alcalde honorario de Lugo en dúas ocasións, en 1939 e 1942, e alcalde honorario perpetuo en 1954) e que se elabore un novo Regumamento Municipal de honores e distincións, que data da época franquista.
Antonio Somoza explicou que o Regulamento polo que se rexe no Concello de Lugo a concesión da Medalla de Ouro da cidade, os títulos de fillo adoptivo e fillo predilecto, así como o de alcalde honorario, foi aprobado en 1958 e segue en vigor pese a ser antidemocrático. Como exemplo, Somoza leu un párrafo relativo á concesión da Medalla de Ouro da cidade, segundo o cal: atendiendo al profundo sentimiento católico que informa la vida de nuestro pueblo y en razón a la tradición histórico-religiosa que constituye el pilar fundamental de nuestras creencias, queda establecido que, en especiales circunstancias, podrá la Corporación municipal conceder la Medalla de Oro de la Ciudad a las Imágenes de los Santos.