XORNAL I A Coruña.- As comarcas de Pontevedra, Umia e Arousa sufriron no últimos días unha situación de pluviosidade extraordinaria, a tenor dos datos recollidos por Meteogalicia nas súas estacións de medición. De feito, en escasamente oito horas no tramo que vai das dúas da tarde ás dez da noite- recolléronse a metade de precipitacións que se viñan rexistraron en todo o mes de novembro durante os últimos anos, ao superarse os cen litros por metro cadrado en varias localidades. Este foi o caso dos concellos de Caldas de Reis, onde se rexistraron 126,6 litros/m2; Sanxenxo, con 111,2 l/m2 ou as illas Ons con 112 l/m2. Igualmente, rexistráronse valores excepcionalmente altos en Poio, 99,2 litros por metro cadrado ou en Lourizán (Pontevedra) con 94,4 l/m2. As choivas que caeron noutras localidades próximas situáronse en niveis similares.
Para atopar uns valores parecidos habería que remontarse a decembro de 1981, unha data na que se chegaron a superar tamén os cen litros por metro cadrado na comarca de Caldas. De feito, a media de precipitacións rexistradas durante todo o mes de novembro nas últimas dúas décadas roldou os 200 litros por metro cadrado, de aí a excepcionalidade da situación se produciu onte. Estes valores xa quedaron amplamente superados tras os datos rexistrados durante a última quincena, que ten sido especialmente pluviosa en toda a comunidade.
En concreto, nas comarcas citadas o número de precipitacións acumuladas en todo o mes contando a xornada de onte- ascende a 479 litros por metro cadrado en Caldas de Reis, 326 en Fornelos de Montes, 409 en Poio, 285 en Vilanova de Arousa e 348 en Lourizán, entre outros.
OS POLÍTICOS VISITARON AS ZONAS AFECTADAS.- Membros do Goberno galego desprazáronse onte ata os concellos afectados para coñecer de primeira man os danos provocados polas chuvias dos últimos días, que ocasionaron enchentas en varios concellos de Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra. Os conselleiros de Presidencia,
José Luis Méndez Romeu, e de Política Territorial,
María José Caride Estévez, visitaron a comarca do Salnés, unha das máis afectadas, para reunirse tanto cos alcaldes da zona como cos veciños e escoitar as súas demandas, así como para explicarlles de primeira man as medidas que adoptará a
Xunta de Galicia para paliar os danos provocados polos temporais. A este respecto, o máximo mandatario galego, Emilio
Pérez Touriño, adiantou onte que o Consello da
Xunta do vindeiro xoves habilitará axudas para a reparación deses danos.
Tamén o líder da oposición, Alberto Núñez Feixoo, falou cos veciños das zonas afectadas e criticou ó Goberno pola súa falla de previsión. Núñez Feixoo culpou a vaga de incendios deste verán das inundacións, un factor que o propio presidente da
Xunta recoñecu como un dos agravantes da situación, se ben os datos indican que a pluviosidade nestas últimas xornadas foi excepcional.
MELLORA O TEMPO.- Na xornada de onte o tempo foi moito máis benévolo, o que permitiu os veciños comenzar as tareas de recollida de lama e recuperación das zonas anegadas. Para hoxe as previsións seguen a ser optimistas, con ceos despexados e temperaturas entre os 4 graos de mínima e os 15 de máxima na zona de Vilagarcía e Pontevedra. As situación será similar ate o venres, segundo as previsións de Meteogalicia.