Aprobado o decreto de axudas para paliar os danos do temporal de novembro

O Consello da Xunta aprobou esta mañá un novo decreto de medidas e axudas urxentes para a reparación dos danos causados polos temporais de chuvia e vento do mes pasado de novembro que afectaron a diversos concellos das provincias da Coruña e Pontevedra. Establécense diferentes liñas de axudas encamiñadas a cubrir danos persoais, danos causados en vivendas e enxoval doméstico, reparación de infraestruturas e equipamentos privados danados, danos en explotacións agrícolas e gandeiras, compensación de danos sufridos en establecementos comerciais e turísticos e axudas a entidades locais.
Xornal.com - clásica Actualizado 07/12/2006 - 10:03 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I A Coruña.- O decreto aprobado hoxe segue o modelo do Decreto 180/2006, do 19 de outubro, destinado a paliar os danos causados polo temporal na Costa da Morte, que foi ampliado máis tarde para estender as súas medidas a concellos afectados por un posterior temporal que tivo as súas peores consecuencias en municipios como Baiona ou Oia. Ante a magnitude dos danos provocados pola última situación de meteoroloxía adversa na Comunidade, o Consello da Xunta aprobou hoxe un novo decreto que establece máis medias e axudas para os municipios afectados.

As axudas públicas reguladas no Decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta desenvolveranse ao abeiro de ordes específicas de diferentes departamentos autonómicos, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia. Así, estableceranse axudas concretas desde a Consellería de Economía; desde a Consellería de Vivenda; desde a Consellería de Medio Rural; desde a de Medio Ambiente; procedentes da Consellería de Innovación e Industria; procedentes da Consellería de Presidencia; da Consellería de Política Territorial e da Consellería de Pesca.

COBERTURA EN VIVENDAS E ENXOVAL DOMÉSTICO.- Paralelamente, serán obxecto de axuda os danos causados na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores, na parte non comprendida nas axudas que puidesen aprobar outras administracións públicas. Cubrirase ata o 100 por cento do valor de reparación ou reposición do inmoble danada, sen que, en ningún caso, o importe da dita axuda poida superar o límite do 100 por cento do prezo de venda dunha vivenda de promoción autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

Así mesmo, serán obxecto os danos causados no resto das vivendas, ata acadar o 40 por cento do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40 por cento do prezo de venda dunha vivenda de protección autonómica na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, polo menos, á vivenda ocasional. O texto do decreto sinala que se entende tamén por vivenda, para acollerse a estas axudas, as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns de comunidades de propietarios.

Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade. O importe da axuda será do 100 por cento ou do 40 por cento dos gastos de reparación ou reposición dependendo de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente. Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios dos bens referidos que sufragasen os gastos necesarios de reparación ou reposición.

REPOSICIÓN DE INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTOS PRIVADOS DANADOS.- Tamén se establecerán axudas para a reparación dos danos causados polas inundacións en infraestruturas de titularidade privada tales como camiños forestais e captacións privadas.

AXUDAS PARA EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS, GANDEIRAS OU MARISQUEIRAS E LOCAIS COMERCIAIS.- Paralelamente, o decreto recolle que serán obxecto de axudas os danos causados por mor das enchentes nas explotacións agrícolas, gandeiras e marisqueiras que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado. Así mesmo, cubriranse danos directos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais ou turísticos como consecuencia das enchentes, nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

AXUDAS PARA ENTIDADES LOCAIS.- Finalmente, serán obxecto de axudas ou de actuación directa sobre os bens afectados os danos provocados en infraestruturas locais non previstos nas axudas que para o efecto puidesen aprobar outras administracións, así como os gastos extraordinarios en que incorresen como consecuencia directa das fortes choivas. Este paquete de medidas e axudas, aprobado hoxe polo Goberno galego, ten un carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos do que poidan ser beneficiarios os afectados. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas terán carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións públicas ou privadas.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad