XORNAL I A Coruña.- A
Xunta de Galicia está a por en marcha un novo sistema de distribución de documentación entre os concellos vinculados ao Portelo Único e a
Xunta de Galicia coa fin de axilizar as tramitacións que realizan os cidadáns a través desta vía de comunicación. Deste xeito, axilízase a tramitación das xestións que realizan os usuarios do Portelo Único garantindo así os principios de eficacia e eficiencia que deben rexer as relacións da cidadanía coa Administración Pública autonómica. Asemade, esta nova modalidade de envío repercute nunha maior seguridade, ao seren depositados os envíos directamente no rexistro destinatario.
Dentro dun marco de reformas administrativas que está a realizar a
Xunta de Galicia, estase a por en marcha desde comezos de ano un novo sistema de distribución da valixa entre os concellos vinculados ao Portelo Único e a Administración Autonómica. A novidade deste procedemento radica en evitar o actual paso intermedio pola Delegación Provincial correspondente dos documentos que son presentados nos rexistros das municipios vinculados ao Portelo Único antes de ser entregados na sede da Administración galega. Con este cambio preténdese acurtar o tempo de entrega de documentos. Cómpre lembrar que ata o ano 2006, os escritos recibidos nestes rexistros eran remitidos por valixa ás correspondentes delegacións provinciais da
Xunta para a clasificación e envío aos seus destinos.
O Portelo Único foi posto en marcha en 1997 concibido como un sistema de intercomunicación entre a Administración Xeral do Estado, a
Xunta de Galicia e as entidades locais galegas que voluntariamente se foron adherindo. Este sistema buscaba, dunha banda, achegar os servizos administrativos aos cidadáns posto que se lles permitía realizar determinadas xestións desde a súa Administración máis próxima, sen importar cal fose a responsable da súa tramitación, garantindo un nivel de comodidade co conseguinte aforro de tempo en desprazamentos. E, doutra, o concello ofrecía información doutras administracións, co que se estaba posibilitando a modernización dos servizos públicos a través da súa centralización. Os dous principais servizos ofrecidos polo Portelo Único foron a atención ao cidadán e o rexistro.