Educación informa ós estranxeiros sobre o acceso á universidade en Galicia

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar, coa colaboración das tres universidades galegas, a Guía do estudante estranxeiro no Sistema Universitario de Galicia, en formato papel e en tres idiomas (castelán, portugués e inglés).
Xornal.com - clásica Actualizado 15/01/2007 - 09:31 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I A Coruña.- Con esta publicación, a Administración educativa autonómica e as tres institucións universitarias pretenden facilitar a elección e o acceso a estes estudos en Galicia, resaltar aqueles elementos que necesita organizar o alumno estranxeiro antes de deixar o seu país de orixe, e axudarlle a que se adapte o máis axiña posible á vida universitaria galega. Nos próximos días a información recollida nesta guía estará tamén dispoñible en formato CD-ROM e se poderá acceder aos seus contidos igualmente desde o portal da Consellería de Educación www.edu.xunta.es.

Esta publicación nace coa vontade de ser unha ferramenta eficaz para dotar aos alumnos estranxeiros dunha primeira información sobre a organización do sistema educativo de ensinanza universitaria co que conta a Comunidade Autónoma de Galicia; a normativa que o ordena; os estudos e a oferta dispoñible de 1º ciclo, 2º ciclo, 1º e 2º ciclo, Máster e Doutoramento; as bolsas e as axudas que se convocan; e outras informacións relevantes.

Un dos obxectivos que se propón a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa distribución desta guía é explicar aos alumnos e alumnas estranxeiras que é o que fai especial ás tres universidades de Galicia: a Universidade de A Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, e a Universidade de Vigo. Así, esta publicación presenta unha linguaxe atractiva e sinxela e acompáñase de imaxes recentes dos 7 campus galegos e dun mapa da Comunidade.

A Guía do estudante estranxeiro no SUG segue un esquema claro que redunda nunha maior comprensibilidade e eficacia. En primeiro lugar, esta publicación ofrece unha breve presentación da Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo unha descrición xeográfica e demográfica, a estrutura socioeconómica, as infraestruturas, a historia e patrimonio, a cultura, a lingua, a gastronomía, etc. Posteriormente, a guía recolle unha presentación do SUG, das tres universidades e dos 7 campus; a estrutura das ensinanzas oficiais que se poden cursar en Galicia; as modalidades de estudo no SUG (obtención dun título oficial e realización dunha estadía de estudo); e o calendario académico das tres universidades galegas.

ACCESO AO SUG CON ESTUDOS ESTRANXEIROS.- Outro dos apartados da Guía do estudante estranxeiro no SUG ofrece información sobre como acceder ao Sistema Universitario de Galicia con estudos estranxeiros, isto é, que facer se se quere iniciar estudos, que facer se o que se pretende é continualos, e que facer se se quere realizar un Programa Oficial de Posgrao, sexa un Master ou un Doutoramento. Ademais, esta publicación recolle a totalidade dos estudos oficiais que se poden cursar nas universidades galegas (titulacións de 1º ciclo, de 1º e 2º ciclo, e só de 2º ciclo), a distribución por centros e universidades, e información sobre os masters oficiais de nova implantación.

Co obxectivo de facilitar non só o acceso aos estudos superiores na Comunidade senón tamén a vida universitaria dos alumnos estranxeiros, esta publicación inclúe un apartado referido aos servizos ao alumnado do SUG, tales como centros de información universitaria; cursos de idiomas; bibliotecas; formas de aloxamento; comedores; transportes; cooperación e voluntariado; e actividades de xestión universitaria (deportes, cultura e informática).

Ademais, a Guía do estudante estranxeiro no SUG ofrece información referida ás bolsas e axudas ao estudo universitario ás que poden acceder estes alumnos: as convocadas pola Xunta de Galicia; o Ministerio de Educación e Ciencia; o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais; o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación; e a Comisión Europea.

Esta publicación inclúe tamén as asociacións de estudantes do SUG relacionadas con actividades de mobilidade estudantil; así como información xeral que ten que ver co permiso de residencia e visado, a cobertura sanitaria, ou a legalización de documentos. Por último, a Guía do estudante estranxeiro no Sistema Universitario de Galicia ofrece un glosario de termos; direccións de utilidade; e un mapa e distancia en Km. entre cidades.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad