Premio nacional para o IES Carlos Casares de Viana do Bolo

O Instituto de Educación Secundaria (IES) Carlos Casares, de Viana do Bolo, que resultou gañador do segundo premio do concurso nacional de boas prácticas de convivencia, convocado polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC), recibirá o próximo martes este galardón nun acto que se celebrará no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e no que participará a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón. Este centro competeu con 144 centros de toda España, dos cales outros 4 eran tamén galegos.
Xornal.com - clásica Actualizado 04/02/2007 - 11:20 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Viana do Bolo .- O proxecto que foi premiado é froito de varios anos de traballo intenso e de formación do profesorado no centro. Iniciouse no curso 2001/02 cando un grupo de profesores e profesoras tanto do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Bibei como do IES Carlos Casares comezaron a traballar na mellora da convivencia escolar nos seus centros. A razón fundamental non era que houbese conflitos máis alá dos habituais na convivencia diaria de calquera comunidade humana, senón o feito de entender que era una cuestión de importancia nos centros educativos e a posibilidade de traballar, fundamentalmente, en aspectos preventivos e de mellora do clima relacional dos centros.

Tras poñerse en contacto co Centro de Formación e Recursos de Ourense na súa extensión do Barco de Valdeorras formáronse dous grupos de traballo mixtos, é dicir, en cada un deles había profesorado de primaria e de secundaria que traballaron durante dous cursos escolares.

INFORMACIÓN DE EXPERIENCIAS COÑECIDAS.- Nos momentos iniciais a formación centrouse en recompilar información a través de experiencias coñecidas, lecturas variadas de libros e revistas especializadas sobre posibles liñas de reflexión e de actuación. A docencia externa recibida ía tamén dirixida a guiar liñas de reflexión en relación con convivencia, violencia, conflitos, resolución pacífica dos conflitos: Graciela Hernández Morales (colaboradora do Instituto da Muller e experta en convivencia), Mónica Meana (traballadora do Concello de Vigo no departamento de educación), IES de Teis (Vigo) que traballaban mediación entre iguais dentro dun programa ofertado por educación do Concello de Vigo e dirixido por Xesús Jares, e IES Ramiro II de La Robla (León) con experiencia en mediación escolar seguindo o modelo Torrego. Todo este proceso serviu para consensuar un vocabulario, clarificar significados e abrir camiños a futuras actuacións.

O traballo continuou a través dun Proxecto de Formación e Asesoramento en Centros (curso 2003/04) arredor da inclusión dos contidos transversais no currículo do centro, sendo un dos traballados a convivencia e a resolución pacífica dos conflitos. Nestes momentos xa aparece claramente a mediación como o camiño a seguir.

Finalmente no curso 2004/05 un grupo de 6 docentes no que está incluída a orientadora do CEIP forman un equipo para poñer en funcionamento un grupo de mediación escolar, formado por alumnado, profesorado e familias. Este proceso foi guiado por profesorado do IES Ramiro II de La Robla (León) que xa o tiña funcionando. Ao seu cargo correu a formación de mediadores e mediadoras do equipo que foi conxunta e igual para todas as persoas integrantes do equipo. Nela participaron pais e nais, alumnado e profesorado do equipo de mediación do IES de La Robla, que xa tiñan experiencia de funcionamento, e do IES de Viana do Bolo que se formaban para poñelo a funcionar.

No curso 2005/06 o equipo de mediación comeza a ser unha realidade con todo o que isto supón: habilitación de espazos e tempos, difusión do mesmo a toda a comunidade, selección do logo identificativo, reforma de documentos de centro para que estea contemplado,... e primeiros casos de intervención. A raíz de recibir un premio de innovación educativa a nivel galego diferentes membros do equipo comezan tamén a visitar outros centros educativos que lles solicitan información sobre a súa experiencia en mediación.

O camiño percorrido ao longo destes anos, a formación recibida tanto de saberes compartidos polo profesorado participante como a impartida por persoas expertas, as actividades realizadas a nivel de toda a comunidade educativa e a experiencia de traballo do equipo de mediación escolar do centro é o que agora se premia a nivel nacional.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad