XORNAL I Santiago .- O Consello da
Xunta, a proposta da Consellería de Vivenda e Solo, aprobou hoxe o Proxecto Sectorial e Proxecto de Urbanización da 1ª fase do Parque Empresarial de Bértoa-Carballo. O Consello tamén declarou de utilidade pública e interese social este proxecto e a necesidade de ocupación dos terreos afectados para a súa execución, o que permitirá iniciar o expediente de expropiación das fincas que non sexan adquiridas de mutuo acordo cos seus propietarios.
A primeira fase do Parque Empresarial de Carballo terá unha superficie de 730.000 metros cadrados. Neste momento a Consellería é titular de 250.000 metros cadrados do total do ámbito de actuación.
Por outra banda, a Consellería de Vivenda e Solo enviou os Plans de Sectorización das zonas A e B da segunda fase deste parque ao Concello de Carballo a principios do pasado mes de decembro para a súa tramitación. Ao mesmo tempo, para axilizar a tramitación a Consellería, que dirixe a nacionalista
Teresa Táboas, está a redactar os correspondentes proxectos de urbanización. A segunda fase terá unha superficie total de 550.00 metros cadrados dos que 430.000 metros cadrados corresponden á zona A e 120.000 á zona B.
O conxunto do Parque terá unha superficie de 1.280.000 metros cadrados, dos que 837.043 serán de uso empresarial, 97.608 metros cadrados de uso social, deportivo e para equipamentos, e 117.000 metros cadrados serán para zonas verdes.
A Consellería de Vivenda e Solo ten prevista unha inversión total de 35 millóns de euros para a adquisición dos terreos e urbanización deste parque. Nos orzamentos de 2007 hai unha partida por importe de 10 millóns de euros para traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de urbanización.
A conselleira nacionalista,
Teresa Táboas salienta que este parque empresarial é considerado como estratéxico por parte da Consellería para a Comarca de Bergantiños, polo que está incluído dentro do Programa Galiza Suma, que establece os solos produtivos que se consideran estratéxicos para o desenvolvemento económico dunha zona do país.