XORNAL I A Coruña.- A
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe unha convocatoria de axudas destinadas a estudantes universitarios con residencia en Galicia que cursan estudos presenciais de carácter oficial e validez nacional fóra da Comunidade, dentro do territorio español, por non estaren implantados no Sistema Universitario de Galicia (SUG). A Administración educativa inviste un total de 93.303 euros nesta acción.
Estas bolsas son compatibles coas axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC). Os solicitantes deberán ter residencia familiar en Galicia, e cursar estudos presenciais de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 2006-2007, nunha titulación que non sexa impartida en Galicia, ou ben vir cursando estes estudos con continuidade noutra universidade pública de fóra antes de que se comezasen a impartir no SUG. Ademais, os interesados terán que estar matriculados en, como mínimo, 50 créditos, ou os que lle resten para adquirir a titulación.
Por outra banda, os estudantes interesados deberán posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,5 puntos. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, esta nota deberá ser igual ou superior a 1,20. Os alumnos que inicien por primeira vez o 1º curso universitario deberán ter unha nota de acceso á universidade igual ou superior a 5,5 puntos.
A selección dos bolseiros farase en réxime de concorrencia competitiva en función da media do expediente académico. A contía global que percibirá cada bolseiro depende de distintas variables. Así, polo expediente académico poderá beneficiarse dunha contía máxima de 1.400 euros; mentres que dependendo da área xeográfica na cal estea situado o centro de estudos recibirá entre 500 e 800 euros. Por ingresos familiares, a contía a percibir é de 800 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar. O importe global da bolsa non poderá superar os 3.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais contados a partir de mañá. Os impresos de solicitude e toda a información sobre a convocatoria pode consultarse no DOG de hoxe.
Esta axuda enmárcase dentro da política de asistencia económica aos estudantes que a
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo a través de diversas accións, e que ten como obxectivo favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.