XORNAL I A Coruña.- A conselleira de Sanidade,
María José Rubio Vidal, anunciou hoxe no Pleno do
Parlamento de Galicia, que este Goberno vai facer o maior esforzo posible para reducir ao máximo os tempos de tramitación administrativa para a construción do Hospital Único de Pontevedra, e engadiu que é a primeira vez que se dispón dun proxecto serio e rigoroso, para facer un hospital único en Pontevedra.
A titular da Sanidade Pública galega insistiu en que estamos conformando un novo escenario sanitario na área de Pontevedra, e en definitiva proxectando unha magnífica infraestrutura hospitalaria, que verá colmadas as lexítimas aspiracións da área sanitaria de Pontevedra e que reflicte o compromiso desde Goberno coa calidade asistencial da poboación.
Actualmente está en redacción o proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, que será presentado á Consellería de Política Territorial en abril; nese mesmo mes estará rematado o proxecto básico arquitectónico, do que hoxe xa se dispón dun anteproxecto. En setembro deste ano iniciaranse os expedientes de expropiacións, e a finais de ano estará rematado o proxecto de execución. Polo que a conselleira de Sanidade espera que no primeiro semestre de 2008, se poida iniciar a licitación das obras de execución.
Pola súa banda,
María José Rubio Vidal salientou que o concello de Pontevedra terá disposto en abril o proxecto do vial de accesos e comunicacións básicas do Hospital, de feito dende o concello acaban de remitir onte mesmo o primeiro borrador do trazado, e estamos pendentes do proxecto definitivo.
NOVO ESCENARIO SANITARIO.- A actividade asistencial, segundo Rubio Vidal, concentrarase na atención ambulatoria potenciando os hospitais de día e a cirurxía ambulatoria, as consultas externas e o bloque diagnóstico, e reforzando a atención primaria, a atención a domicilio e a telemediciña.
O novo hospital de Pontevedra contará cun incremento de espazos, que se traduce nun incremento en todas as infraestruturas, segundo salientou
María José Rubio Vidal permitirá un aumento da actividade asistencial que pode chegar a un 30 por cento na área ambulatoria, facilitando a diminución das demoras.
Así, o novo hospital pontevedrés contará cun incremento de espazos, que se traducen nun incremento en todas as estruturas. Destaca o aumento dos postos de Hospital de Día, que pasan de 66 do actual hospital a 98 no futuro Hospital único. Tamén aumentan en seis os postos de diálise, que actualmente son 17, e en 43 o número de consultas externas, pasando de 136 a 179.
María José Rubio Vidal salientou, tamén, que o novo complexo hospitalario de Pontevedra contará con 613 camas de hospitalización, susceptibles de ser ampliadas a 681. Suporá ampliar a superficie construída a máis de 70.000 metros cadrados, contará con aparcamento de 1.600 prazas e requirirá un investimento de máis de 70 millóns de euros. A conselleira de Sanidade salientou que esta infraestrutura hospitalaria reflicte o compromiso deste Goberno coa calidade asistencial da poboación.