XORNAL I Silvia Carregal / A Coruña.- Atento, filial de
Telefónica, presta servizos de atención telefónica principalmente para esta última compañía. Os empregados do call center da Coruña veñen denunciando dende hai tempo os seus temores de que a empresa estivera preparando levarse carga de traballo cara a outras latitudes. Agora é unha suposta rebaixa no volume de traballo do servizo 1004 de
Telefónica nesta plataforma o que orixinan 179 despedimentos. Os representantes dos traballadores teñen denunciado que non é certo que as chamadas teñan diminuido. Afirman que é a compañía a que deriva o fluxo de comunicacións cara a outros lugares do estranxeiro (Perú, Marrocos, etc) co fin de ter unha desculpa na que respaldar as finalizacións dos contratos. Advirten que os custos laborais en España, non teñen comparación cos lugares aos que, supostamente, se estarían a derivar as chamadas. Polo que os traballadores detectan nestes movementos unha simple política de reducción de gastos.
RECORRIDO DA MARCHA.- O certo é que, dende o pasado martes, día 20, Atento conta na Coruña con 179 traballadores menos. Por ese motivo os representantes sindicais teñen convocado unha manifestación para esta tarde. A marcha vai sair ás 20:00 da rúa Juan Florez, lugar onde a empresa Atento ten a súa sede coruñesa. O percorrido da manifestación seguirá pola rúa Federico Tapia, para seguir pola rúa Fontán ata chegar á Delegación do Goberno en Galicia, lugar donde está prevista unha concentración. De ahí está previsto seguir por Juana de Vega ata a céntrica praza de Pontevedra e voltar ao punto de inicio da marcha: a sede de Atento na Coruña en Juan Florez.
Este colectivo confía na solidaridade dos seus veciños para que á manifestación se sume a maior cantidade de coruñeses posible. Durante días veñen repartindo folletos explicativos da súa situación pola cidade.
Esta non é a primeira movilización levada a cabo con motivo destes últimos despedimentos en Atento. As concentracións que os traballadores desta empresa e os seus representantes sindicais veñen realizando desde hai días provocaron recentemente un altercado coa policía debido a un corte de tráfico non autorizado na rúa Juan Florez (A Coruña) que os axentes procederon a disolver. Colectivos como a Coordinadora Unitaria de Trabajadores del Telemarketing teñen cualificado de "brutal agresión" esa carga policial levada a cabo contra os traballadores. A CIG pediu incluso a dimisión da subdelegada do Goberno, Obdulia Taboadela, logo da dureza dunha actuación policial, que se considerou desmedida ao ter provocado varios contusionados.
UNHA LOITA QUE VEN DE LONXE.- O colectivo de traballadores do sector do Telemárketing hai tempo que leva reclamando a atención da cidadanía en todo o país ao respecto das consecuencias económicas e laborais que levan aparelladas estas políticas deslocalizadoras de varias compañías españolas. As movilizacións deste colectivo remóntanse a meses atrás cando os traballadores advertían do rumbo que podían tomar as contratacións en compañías como Atento, e tamén protestaban contra da marcha da cidade coruñesa doutro gran volume de postos de traballo. Os despidos masivos no sector non son novidade en Galicia dende que o pasado ano Jazztel decidise deixar de contar cós servizos de dúas plataformas herculinas, Stream e Teleperformance, para atender ós seus clientes. Este servizo pasou a prestarse maioritariamente fóra do país, principalmente en lugares de hispanoamérica. Como consecuencia diso, preto de 800 traballadores quedaron no paro entón. Moitos acadaron a súa reubicación noutras campañas nas mesmas empresas, e outros aínda arrastran as consecuencias desa deslocalización.
MILES DE EMPREGOS EN GALICIA.- O peso do sector en Galicia é significativo. Hai Call Centers ubicados en cidades como Vigo ou Lugo, pero sobre todo é A Coruña o lugar no que se acumula o número máis grande de traballadores e de empresas deste ramo. Ao abrigo da Torre de Hércules traballan centos de teleoperadores en compañías como Teleperformance, Stream, Atento ou Sykes, entre doutras. Présentanse servizos de televenta, de atención ao cliente, e incluso de Help Desk e de Soporte Técnico. Aínda que os convenios garantizan uns salarios que poderían considerarse razoables, o resto das condicións de traballo fan do sector un exemplo de precariedade, dado que a estabilidade no emprego e moi baixa. É precisamente este apartado o que agora queda máis á luz.
DUDAN DA CONTINUIDADE DA ATENCIÓN TELEFÓNICA EN GALEGO.- A Mesa pola Normalización Lingüística tamén ten chamado a atención pola reprecusión que estes despedimentos poden provocar con respecto a outros dereitos. Na Mesa din estar preocupados "pola incerta situación laboral que atravesa o centro de traballo que a empresa filial de
Telefónica Atento Teleservizos ten na cidade da Coruña, logo dos numerosos despedimentos deste pasado verán e das 179 rescisións de contratos feitas efectivas o 20 de marzo". Explican que o eventual feche de Atento na Coruña "podería rematar coa atención ao cliente en galego de Telefónica".
A Mesa salienta nun comunicado que, agora, logo de unha presión social de anos
Telefónica oferta aos seus clientes "a posibilidade de ser atendidos a través do número 1004 en calquera das linguas cooficiais do Estado, o galego entre elas". Segundo apuntan dende A Mesa, o servizo en galego, e parte do de catalán, "vénse fornecendo desde o centro de Atento na Coruña". Temen que cos despedimentos, se poida pór fin tamén á posibilidade dos clientes a ser atentidos en galego.
A Mesa asegura que nin Atento nin Teléfonica garanten "a permanencia do servizo en galego". E tamén poñen en coñecemento da cidadanía que Sykes (outra plataforma de telemárketing ubicada na Coruña), ten previsto "asumir nestes momentos unha parte da carga de traballo do 1004", pero "non ten en previsión fornecer unha liña en galego polo momento".