XORNAL I A Coruña.- Este colectivo lembra que na actualidade, "e logo dunha grande presión social que durou non poucos anos na que A Mesa tivo unha especial participación,
Telefónica vén ofertando á súa clientela a posibilidade de esta a ser atendida a través do número 1004 en calquera das linguas cooficiais do Estado, o galego entre elas. Dito servizo en galego, xunto con parte do de catalán, vénse fornecendo desde o centro de ATENTO na Coruña".
Salienta A Mesa que os últimos "despedimentos masivos, a situación de incerteza sobre o futuro de servizos como o do 1004 na Coruña ou mesmo unha posíbel deslocalización da empresa cara a outros territorios fóra da Galiza e mesmo do Estado español" fan que A Mesa amosase o seu "desacougo perante a posibilidade de que desapareza o dereito de a clientela de
Telefónica ser atendida en galego, que tanto custou conquistar a forza de reclamar". Do que xa ten constancia a plataforma cidadá é de que a redución de servizo no 1004 nos últimos días está a afectar xa a atención en galego, como fixeron notar usuarias e usuarios do servizo que se puxeron en contacto coa asociación.
A Mesa advirte de que, en todo caso, nin ATENTO nin Teléfonica garanten a día de hoxe a permanencia do servizo en galego, pase o que pasar co centro de traballo de ATENTO na Coruña. De feito, afirma o colectivo, a empresa de teleservizos da Coruña Sykes, que está a asumir nestes momentos unha parte da carga de traballo do 1004, non ten en previsión fornecer unha liña en galego polo momento.
A asociación en defensa do idioma anunciou que solicitará á maior brevidade unha entrevista cos responsábeis de
Telefónica en Galiza a fin de conseguir que a empresa garanta o futuro do servizo de atención en lingua galega, de ser posíbel desde a propia Galiza. Neste sentido, A Mesa súmase "ás voces sociais en defensa do futuro e permanencia de ATENTO na Coruña e apoiará a manifestación que o seu Comité de Empresa convoca para mañá venres, 23 de marzo, ás oito do serán na cidade da Coruña".