A Xunta subvenciona a creación dun traductor directo galego-portugués
A empresa compostelá Factoría de Software e Multimedia, de Imaxin Software, está a desenvolver EixOpenTrad, un novo e pioneiro tradutor automático de código aberto que permitirá traducir directamente do galego ao portugués. A Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de I+D+I, colabora con este proxecto mediante unha subvención de 28.270 euros dentro do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i.
Xornal.com - clásica
31/03/2007 - 12:17 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
XORNAL I Santiago.- EixOpenTrad constitúe unha evolución de Opentrad, un sistema de tradución en código aberto para as linguas do Estado e de uso gratuíto. Con respecto ao seu antecesor, EixOpenTrad inclúe dúas melloras importantes: desenvolve un prototipo de tradución automática galego-portugués e portugués-galego e, ademais, incrementa o número de lemas incluídos no par de linguas español-galego.
Este sistema porá a disposición dos usuarios un sistema piloto de tradución automática galego-portugués e portugués-galego formado por 8.500 lemas nas dúas direccións. O sistema esta baseado no motor de tradución Apertium de transferencia sintáctica parcial ou superficial, e facilitará enormemente a comunicación entre empresas e entre administracións públicas de Galiza e do Norte de Portugal. Unhas características que fan de EixOpenTrad unha experiencia pioneira xa que até o de agora, segundo os seus responsables, non existía ningunha ferramenta semellante para as linguas do eixo atlántico.
Para desenvolver EixOpenTrad, Imaxin conta coa colaboración do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, especialmente de Xavier Gómez Guinovart, autor de numerosas publicacións de lingüística computacional e membro da xunta directiva da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural.
Segundo explica Xosé Ramón Pichel, responsable do proxecto, os maiores problemas para o funcionamento do tradutor derívanse da influencia do español nas estruturas sintácticas do galego. Traducir un texto do portugués á nosa lingua é relativamente sinxelo, polo tronco común das dúas linguas. Sen embargo, facer a tradución ao revés resulta complexo porque o galego está influenciado polas estruturas do español, de xeito que se distancia da raíz común.
O outro gran esforzo que centra os esforzos dos investigadores deste proxecto é mellorar a tradución do galego ao español e viceversa que ofrecía Opentrad. Deste xeito, acadaron xa multiplicar por tres o número de lemas incluídos para a tradución galego-español e español-galego, que pasará de 8.500 a 25.000. Esta ferramenta xa está a funcionar na páxina web de Imaxin.
Ademais, incorpóranse outros elementos innovadores que perfeccionan a tradución, como as ferramentas de extracción automática terminolóxica, que partindo de textos xa traducidos xeran de xeito automático novas entradas e expresións multipalabra. Con esta finalidade, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela Pablo Gamallo, colaborador no proxecto, desenvolveu un sistema complexo co que, a partir de textos en diferentes idiomas se identifican palabras ou expresións en cada unha das linguas, palabras que en moitos casos non aparecían nos diccionarios ao tratarse, por exemplo, da denominación de cargos públicos, de partidos políticos, etc.
EixOpenTrad avanza ademais nas principais vantaxes do seu antecesor. Constitúe un sistema en continua evolución e de uso gratuíto que se poderá utilizar vía web. Que sexa de código aberto supón que os usuarios poidan achegar as súas propias entradas e beneficiarse da contribución doutros voluntarios. É ademais unha ferramenta personalizable, que se adaptará ás necesidades dos usuarios asumindo, por exemplo, o libro de estilo dunha organización.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.