XORNAL I A Coruña.- Tras destacar que a Consellería de Traballo pedira á empresa unha manifestación explícita neste sentido, Pilar Cancela subliñou que no devandito centro desenvolven a súa prestación laboral mil persoas, que traballan nun campo laboral que corresponde a unha actividade fluctuante debido á propia natureza do servizo. Así pois, as variacións de contratas soen ser cotiás, aclarou Cancela, e por o convenio prevé esta posibilidade.
Non obstante, a directora xeral e Relacións Laborais anunciou que a Consellería de Traballo estará en contacto co comité de empresa e coa representación dos traballadores, e a ver se esta semana é posible abrir unha vía de negociación que nos leve a poder acadar un acordo en algún sentido.
De feito, Pilar Cancela manifestou a súa intención de reunirse esta mesma mañá coa representación dos traballadores, con motivo da manifestación programada para hoxe ante os edificios administrativos da
Xunta de Galicia. Cancela manifestou a súa vontade de aproveitar a oportunidade para comunicarlles o abordado coa responsable de Recursos Humanos de Atento e empezar a negociar, e empezar a falar, para ver que oportunidades hai.
A responsable de Relacións Laborais da
Xunta indicou que na reunión con Encarnación Mon estiveron a barallar unha variada gama de posibilidades para chegar a unha solución do conflito. Cancela lembrou que se trata dunha empresa de ámbito estatal, con situación de reduccións de cadros de persoal noutros centros. É un dimensionamento que excede a Galicia. Por suposto, a nós, como Goberno galego, o que nos importan son os 179 traballadores de Galicia, pero tamén entendemos que isto haxa que encaixalo dentro desa actuación estatal, valorou.
Pilar Cancela lanzou unha mensaxe á representación dos traballadores para intentar acadar un clima de normalidade e evitar todo acto violento que nos leve a crispar moito máis a situación do que está. A directora destacou que feitos como o lanzamento dun cóctel molotov contra a sede da empresa na Coruña rexistrado o pasado día 12 non axudan a resolver esta cuestión dun xeito pacífico, que é como ten que resolverse e como se vai resolver ao final.
Finalmente, Pilar Cancela reiterou que o problema de Atento é prioritario para a Consellería de Traballo, que terá toda a implicación. Polo tanto, augurou unha semana moi intensa, coa finalidade de ter encauzado o conflito a semana que vén. Depende moito das partes, pero a nosa intención é presionar, negociar e intentar buscar unha solución o máis axiña posible, anunciou.