XORNAL I Santiago.- A Consellaría de Innovación e Industria desenvolverá por segundo ano a campaña +Internet+Galego+Futuro con motivo da tripla celebración, o vindeiro 17 de maio, do Día de Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas. Segundo explicou o conselleiro de Innovación e Industria,
Fernando Blanco, na presentación da campaña, este ano o lema Na rede o que ti queiras abranguerá un conxunto de actividades e iniciativas que tratarán de destacar a utilidade dos contidos e servizos galegos existentes en Internet durante os 17 primeiros días de maio. As imaxes escollidas para esta campaña que contará cun orzamento de 200.000 euros son as de equipamentos tic e, simbolicamente, os diferentes tipos de redes, como poden ser as de pesca.
A web da campaña, www.maisinternetmaisgalego.org, é accesíbel dende hoxe mesmo e dispón de varias seccións que, segundo
Fernando Blanco, amosarán o mellor da rede galega e contribuirán á mesma con novos contidos desenvolvidos para esta ocasión. Unha das súas principais seccións é Na pantalla, que destacará as mellores webs e servizos galegos, buscando descubrir os usos que poidan facer máis cómoda e útil a relación dos cidadáns coa tecnoloxía. Aínda que cada día haberá un tema novo (tempo libre e deporte, administración electrónica, bibliotecas na rede...), a sección nacerá co tema Na rede ti es o protagonista, ao fío do protagonismo dos usuarios que achegan á rede fotos, vídeos, blogs...
Outros espazos da web de +Internet+Galego+Futuro son Máis letras, que recollerá a poesía de María Mariño (escritora á que se dedica este ano o Día das Letras); Máis humor, cunha viñeta diaria de O Carrabouxo, personaxe do debuxante e enxeñeiro de telecomunicacións Xosé Lois González que retratará a difícil convivencia entre os seus personaxes e a tecnoloxía. Seccións tamén de interese son DelicatessenWeb, que ofrecerá as webs recomendadas polos lectores, ou Antes e despois de internet, que desvelará a vida de diferentes persoeiros antes e despois de usar a rede. O conselleiro de Innovación e Industria avanzou ademais que a páxina web da campaña contará con diferentes iniciativas en rede realizadas por asociacións culturais e sociais como son a Internet Society ISOC-Galicia, Barbantia, Fillos.org ou a Mesa pola Normalización Lingüística.
Canto aos actos presenciais que se desenvolverán baixo a campaña +Internet+Galego+Futuro, o conselleiro destacou un encontro en colaboración coas universidades galegas o día 15 de maio na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC, no que se abordarán as estratexias TIC e da sociedade da información nos entornos universitarios e que contará coa asistencia de representantes dos gobernos de Euscadi, Asturias ou Andalucía.
Así mesmo, en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte e o Consello da Cultura organizaranse unhas mesas redondas no marco de Cultur.Gal en Pontevedra, no que destaca a entrevista que Víctor Freixanes realizará a Francis Pisani, profesor das Universidades de Berkeley e Stanford, e tamén se celebrará unha xornada de desenvolvemento do software libre na xestión da información (coa achega de mancomun.org, iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria para o software libre) dentro do X Congreso da Federación Española de Sociedades de Arquivísticas, Biblioteconomía, Documentación e Museística copatrocinado coa Consellaría de Cultura.
Non obstante, o titular nacionalista explicou que as actividades non se cinguirán só ás cidades galegas, senón que se desenvolverán en toda Galiza a través da Rede de Dinamización da Sociedade da Información posta en marcha pola Consellaría de Innovación e Industria, polo que terán lugar actos divulgativos en concellos e asociacións nos están presentes case 100 dinamizadores e dinamizadoras.
O conselleiro de Innovación e Industria aproveitou para recordar que permanece aberto o prazo para concorrer a dúas ordes de axuda da Consellaría publicadas o pasado martes no DOG, cun importe total de 4,2 millóns de euros, orientadas a incorporar as tecnoloxías da información e da comunicación nas PEMES, incentivar a difusión e formación no movemento asociativo e favorecer o desenvolvemento dos produtos, equipamento e empresas do sector da sociedade da información.
Por último,
Fernando Blanco destacou a celebración do 17 de maio como ferramenta para conseguir os obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (www.sociedadedainformacion.eu) no que se refire a poñer en valor a sociedade da información en Galiza e os contidos galegos na rede. Segundo explicou o conselleiro, o propio proceso de elaboración do plano serviu para dinamizar o sector e para que aparecesen numerosos proxectos innovadores. O PEGSI, ademais, xa é mencionado como estratexia de referencia na materia en numerosos documentos do Estado e de Europa, malia a súa recente aprobación.