XORNAL I Santiago .- Segundo asegura a CIG "a folga acadou o 100% do profesorado en máis de corenta concellos, tales como Padrón, Ribeira, Santa Comba, Oia, Monterroso, Redondela, Pantón, As Nogais, Tordoia, A Baña,
Brión, Crecente, Cervantes, Guntín, Cabana de Bergantiños, Abegondo, Carballo, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Malpica, Vilasantar, Santiso, etc, etc. Superou o 90% en máis de trinta e cinco concellos como Boimorto, Noia, Muros, Boiro, Frades, Miño, Touro, Silleda, A Golada, A Laracha, Laxe, Ames, Arzúa, A Valga, Lalín, Mos, Rois, etc. A maior incidencia foi na provincia da Coruña, onde se sobrepasou o 80%, e nos centros con xornada partida e transporte que tamén superaron o 80%!.
Nos datos que manexa este sindicato case "4.000 docentes participaron nunha manifestación que saiu da Praza do Toural e percorreu Santiago até a Consellaría". Alí tivo lugar unha intervención de Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, que deu lectura ao manifesto polo mantemento da xornada reducida matinal no que se indicaba: "Desde este momento os que asinaron á marxe da Mesa Sectorial un acordo que tiña por único obxectivo desconvocar esta folga e desmobilizar o profesorado, deben saber que non acadaron o seu obxectivo. Máis do 72% do profesorado afectado está en folga neste momento. Hoxe en Galiza hai numerosos concellos en que non abriu ningún centro escolar. Esta folga foi un éxito. Un éxito do profesorado que malia as actitudes pactistas e entreguistas sae á rúa e ponse en folga para reivindicar as súas xustas demandas. A CIG-Ensino vai seguir reclamando a xornada reducida matinal en xuño e setembro,. Hoxe, entre todos e todas, demos un paso importante. Co voso aval esixiremos a Conselleira que se restabeleza este tipo a xornada, agardamos que polo menos unha vez atenda este clamor, do contrario continuaremos con máis medidas de presión e mobilizacións até conseguila.
Ao finalizar a lectura do manifesto, a CIG entregou un escrito dirixido á Conselleira de Educación, demandándolle que ante o seguimento maioritario da folga e a mobilizacion levada a cabo ... agardamos que sexa motivo suficiente para recibirnos e restablecer a xornada matinal continua reducida en todos os centros que viñan disfrutando dela.
A CIG-Ensino agarda que a Conselleira "escoite a voz do profesorado que hoxe se fixo sentir masivamente en Compostela e reconsidere a súa postura. Así mesmo agardamos que as organizacións sindicais que se prestaron a asinar un acordo que tiña como único obxecto desconvocar esta folga, vexan cal é o sentir maioritario do profesorado e retiren a súa sinatura e se aveñan a facer unha fronte común para que a Consellaría non teña máis remedio que restablecer a xornada reducida".