XORNAL I Cangas do Morrazo.- Quintana realizou estas declaracións durante a súa intervención no mitin central da candidata do
BNG á alcaldía de Cangas, Clara Millán. Aos políticos do
BNG nunca se nos pode acusar de falta de honradez
O líder nacionalista amosouse orgulloso de estar nunha comarca, como o Morrazo, con tanta base nacionalista, e de pertencer a unha organización, como o
BNG, con alma e con corazón.
Neste sentido, subliñou que no
BNG podemos equivocarnos, pero nunca sen os pode acusar de falta de honradez. Eu non teño que ocultarme en ningún sitio pola falta de honestidade dos candidatos da nosa organización, subliñou o líder do
BNG.
HERDANZA DOS GOBERNOS DO PP EN SERVIZOS SOCIAIS.- Por outra parte Quintana lamentou que o PP se dedique agora a criticar a política de servizos sociais da Vicepresidencia cando a herdanza que nos deixou 16 anos de Gobernos do PP foi que Galiza tivese o índice de prazas en residencia para a terceira idade máis baixo do Estado, a pesar de que o presidente era do colectivo.
Nesta liña, o portavoz nacional do
BNG lembrou que dende a Vicepresidencia da
Xunta se conseguiu que o Goberno Central destinase 19 millóns de euros adicionais para a posta en marcha do Sistema Galego de Atención á Dependencia, uns recursos -precisou- que nos corresponden, que non son unha caridade e que se puideron conseguir porque o
BNG non se axeonlla ante Madrid.
A este respeito, emprazou aos acaldes do PP e do
PSOE a que digan se están dispostos a sumarse ao consorcio galego de políticas de benestar e igualdade.
Neste sentido, criticou ao alcalde de Cangas, do PP, por non sumarse a esta iniciativa transformadora, polo que animou a todos os veciños e veciñas de Cangas a apoiar ao
BNG nas eleccións do 27 de maio para que o cambio galego chegue a todo o Morrazo.
DESTERRAR O URBANISMO ESPECULATIVO.- Pola súa banda, a candidata do
BNG á alcaldía, Clara Millán, animou á xente de Cangas a sumarse ao proxecto nacionalista para desterrar as políticas urbanísticas pensadas na especulación.
Neste sentido, Clara Millán lembrou que as medidas de protección do litoral adoptadas polo goberno municipal do
BNG na lexislatura 1995/99, unha normativa que perseguía a destrucción no noso territorio, provocaron que o PP, na persoa de Xosé
Cuiña, lle retirara as competencias urbanísticas ao concello.
Por último, a candidata do
BNG comprometeuse a impulsar a vivenda protexida e o solo industrial de xeito ordenado; a compatibilizar o turismo co mantemento da identidade de Cangas e a mellorar a situación das parroquias do concello, que non só son unha reserva de terreos, senón lugares onde vive xente.