XORNAL I A Coruña.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria,
Laura Sánchez Piñón, salientou esta mañá en A Coruña que o Plan de Mellora da Calidade do Ensino en educación infantil e primaria pon a Galicia á cabeza das Comunidades Autónomas en canto ás condicións laborais do profesorado e os catálogos docentes. Así mesmo, Sánchez Piñón animou aos presentes a participar na mellora da educación nestes niveis, un proxecto que faremos entre todos.
A máxima responsable do departamento educativo galego subliñou que este Plan, froito do acordo e do consenso dos axentes implicados na boa marcha do sistema educativo en Galicia, aposta polas etapas de infantil e primaria, cunha inxección de 1.000 mestres máis ao sistema educativo galego ata o curso 2009-2010. Contempla tamén a redución da provisionalidade do persoal funcionario do corpo de mestres, coa intención de constituír un núcleo estable de profesorado en cada centro. Neste senso, afirmou que os centros que contan con profesorado estable desenvolven maior número de proxectos, e gozan de maior implicación e valoración dos pais e nais, o que redunda ca consecución dun maior índice de calidade.
Esta medida, que vai en consonancia coa Lei Orgánica de Educación (LOE) e tamén ten en conta as tendencias dos sistemas educativos europeos de vangarda, permitirá ademais implantar nos centros un mestre de apoio por cada tres unidades, mellorando a atención educativa nas primeiras etapas.
Lingua estranxeira
Sánchez Piñón subliñou que outro dos obxectivos deste Plan é a promoción da aprendizaxe de linguas estranxeiras. Así, o inglés ensinarase a partir dos 3 anos, polo que 931 centros poderán impartir lingua estranxeira na etapa de infantil a partir do próximo curso. Na provincia de A Coruña poderán facelo 379 centros. Esta acción estenderase ás escolas unitarias, de xeito que o ensino do inglés sexa unha realidade para todo o alumnado de Galicia. Así, contarán cun especialista en filoloxía inglesa itinerante, que atenderá a unha media de catro centros.
Outro dos puntos fundamentais do Plan de Mellora en educación infantil e primaria é a atención á diversidade do alumnado con necesidades específicas, con 130 novos especialistas en orientación, pedagoxía, audición e linguaxe. A máxima responsable do departamento educativo galego explicou que na actualidade 233 centros da provincia contan con especialistas en Pedagoxía Terapéutica, 160 con especialistas en Audición e linguaxe, e 126 teñen orientadores.
O Plan non só pon énfase na orientación e na especialización, senón que tamén aplica o principio de que cada unidade debe ter un profesor xeralista como titor, ampliando os postos para docentes de educación primaria naqueles centros nos que resulte necesario.
Melloras laborais
O Plan acompáñase dunha serie de melloras para o profesorado, tales como a redución das horas lectivas, que pasan de 25 a 21, e as horas de permanencia, que se reducen de 30 a 25. Deste xeito, o profesorado de infantil e primaria poderá reforzar as titorías, as coordinacións didácticas, e outras actividades de dinamización. Así,
Laura Sánchez Piñón lembrou que estas condicións están incluso por riba de Comunidades coma Cataluña ou Navarra, que na actualidade contan con 23 horas lectivas.