Xornal.com - clásica
Actualizado 02/07/2007 - 12:45 h.
XORNAL I Santiago.- A iniciativa liderada dende Galicia para que, fronte á necesidade de profesionalizar a mediación intercultural en España, o Estado recoñecera dita profesión e a súa inclusión como categoría no Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE) para o seu recoñecemento social e laboral, foi aceptada polo Ministerio de Traballo, que agora abrirá un período de alegacións entre as comunidades autónomas.
Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, durante a presentación do Encontro Transnacional do Proxecto Eden, no que colaboran os programas galego Convive+ e o italiano Parco Socialle Delle Opportunita, dirixidos ámbolos dous a fomentar a creación de empresas sociais e o acceso ao mercado de traballado de grupos desfavorecidos como emprendedores, principalmente persoas inmigrantes e emigrantes retornados.
Baixo a programación do programa Convive+, a Secretaría Xeral de Emigración asumiu a reivindicación de reclamar perante o Estado a necesidade de crear, impulsar e regular a figura profesional do mediador intercultural, en tanto que axente que, fronte a un fenómeno cada vez máis relevante no contexto social occidental como é a inmigración, intervén na relación de partes de natureza etno-cultural diferentes, nas que a diferenza posúe gran relevancia na relación entre os que están e os que chegan, e na que o obxectivo final é avanzar na construción dunha sociedade plural máis igualitaria para homes e mulleres.
Nova realidade social
Esta nova ocupación, sinalou Rodríguez, responde a unha realidade social na que cada vez se considera máis importante o desenvolvemento de políticas de inclusión e atención á nova cidadanía de nacionalidade estranxeira que forma parte da sociedade española. Con máis dunha década de experiencias de mediación intercultural en España, era necesario dar un paso adiante no recoñecemento profesional desta figura, incluíndo a mesma no catálogo de ocupacións do Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego. Esta maior profesionalización debe provocar unha mellor atención, unha formación máis regrada, unha adecuada valoración social de dita profesión, e en definitiva, suporá un recoñecemento ao traballo especializado realizado por este colectivo de profesionais.
A aparición de prácticas de mediación intercultural, explicou o secretario xeral, xorden como resposta á presenza de persoas de diferentes culturas nun mesmo espazo e tempo. Esta chegada de poboación estranxeira provoca unha serie de novas situacións, como poden ser as dificultades de comunicación entre persoas inmigradas y autóctonas; a complexidade da convivencia entre persoas de distintas nacionalidades e culturas diferenciadas; o descoñecemento mutuo dos códigos de referencia culturais; o escaso coñecemento do funcionamento da sociedade receptora por parte da poboación inmigrada; a necesidade de sensibilizar e asesorar sobre inmigración e interculturalidade aos técnicos de servizos de atención directa da Administración pública; o combate de prexuízos e estereotipos nas relacións entre persoas culturalmente diferentes, ou a vulnerabilidade psicosocial de persoas inmigradas nos procesos de cambio.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.